2.000 persoas maniféstanse en Pontevedra contra a celulosa de Ence

Cabeceira da marcha polo feche da celulosa de Ence en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

A choiva non puido coa manifestación convocada pola Asociación pola defensa da ría de Pontevedra contra a pasteira de Lourizán. Máis de 2.000 persoas, marcharon desde Pontevedra e Marín até a fábrica de Ence, para reclamar a clausura da factoría e demandar a recuperación para a cidade do espazo que hoxe ocupa.

O tempo non semellaba propicio para mobilizarse en Pontevedra e Marín pero a participación na convocatoria superou a de anos pasados. Neste sentido, o voceiro do colectivo organizador, Antón Masa, non dubidou en expresar a  súa satisfacción en declaracións a Nós Diario e “reivindicar o espírito optimista dos asistentes á protesta”.

Ence non ten ningún futuro na ría

“Nós partimos da idea de que Ence xa é pasado na ría de Pontevedra”, sinalou Masa, quen se amosou seguro que “ tardará máis ou menos en saír fisicamente pero entendemos que xa non ten ningún futuro na ría, e a partir desta situación, que é a real, neste momento están sen concesión”.

O voceiro da Asociación pola defensa da ría de Pontevedra indicou que o “único que podería darlle continuidade a Ence é unha decisión do Tribunal Supremo contraria á Audiencia Nacional, que cremos que non se pode producir”.

Masa amosouse convencido de que “a calidade de vida e a economía da bisbarra mellorarán moito, mesmo en postos de traballo, cando Ence saia da ría de Pontevedra, ese é o futuro que queremos, que permite mesmo recuperar a zona que foi reenchida e roubada ao mar”.

O dirixente ecoloxista reclamou “recuperar un futuro que se perdeu cando chegou Ence, porque a ría de Pontevedra tiña un futuro baseado na explotación racional dos recursos, pero tamén no turismo ben entendido e no lecer”.

“A ría e nosa, e non da celulosa”

A manifestación rematou após percorrer as rúas de Pontevedra e Marín coa lectura dun manifesto diante da pasteira de Lourizán. O texto, foi lido por Antía Marinho e rematou co berro tradicional  de “a ría e nosa, e non da celulosa”.

Marinho lembrou na súa intervención as orixes da loita contra a celulosa e reparou na constitución en 1987 da Asociación pola defensa da ría de Pontevedra por un “grupo de persoas con inquedanzas semellantes”.

A representante do colectivo asegurou que “o tan ansiado e soñado futuro por fin é o noso presente, podemos celebrar e festexar. Porén, no debemos descansar aínda. O monstro e todos os seus viles servos continúan abafando cos seus últimos estertores”.

Marinho chamou a “pelexar esta última batalla, coa alegría e o optimismo do que nos dota a razón”. “Debemos continuar demostrando que a maioría social está en contra da presenza desta pasteira noxenta” concluíu.

A Asociación pola defensa da ría de Pontevedra instou aos presentes “pensar e deseñar ese futuro, onde a creación de postos de traballo e a xeración de riqueza veña da man da explotación racional dos recursos e das innumerábeis potencialidades da ría, da comarca e da Galiza”