200 persoas móvense en Betanzos por un servizo de comboios ''público e social''

[Imaxe: C.L.]

Convocad@s pola Plataforma comarcal en defensa do tren, realizaron unha viaxe reivindicativa nun ferrocarril que saíu da estación da Coruña e camiñaron a pé até a praza do Campo, en Betanzos.


Por volta de 200 persoas secundaron este 27 de outubro a marcha en prol dun ferrocarril "público e social" convocada pola Plataforma comarcal en defensa do tren, constituída a finais de xuño e que pula polo ferrocarril como "servizo público de titularidade pública" que vertebre o País e, máis no concreto, un servizo de proximidades entre A Coruña e Ferrol.

Asías cousas, a acción deste domingo encetou ás once da mañá na estación de San Cristovo, na Coruña, onde tomaron un comboio para viaxar até Betanzos con parada na estación do Burgo. Unha viaxe reivindicativa que @s levou até a estación betanceira, desde onde partiron a pé até a praza do Campo. 

Un trazado ''colonial'' para os camiños de ferro

Foi neste emprazamento onde representantes da Plataforma deron leitura a un manifesto en que reclamaron a realización dun 'bypass' en Betanzos que tronce o "deseño colonial" do camiño de ferro nesta localidade, "que nos permite comunicarnos con Madrid mais que require dun cambio na marcha para nos desprazarmos até a Coruña", sinalou a organización convocante en conversa con Sermos Galiza.

Aliás, e perante o Plan de racionalización dos servizos ferroviarios de media distancia impulsado polo Goberno español e que contempla a supresión de apeadeiros con pouc@s usuari@s e a redución de servizos noutros até os tornar inviábeis, a Plataforma comarcal exixiu que se habilite un servizo de proximidade entre A Coruña e Ferrol, que o Plan español non só non contempla senón que pon en dública que no futuro estas dúas localidades fiquen comunicadas por unha liña de comboio.

Consolidar a liña A Coruña-Ferrol

"Reclamamos a implantación dun tren de cadencia que aumente os horarios e as frecuencias para o facer socialmente rendíbel e economicamente viábel", sinala o manifesto que se leu na praza do Campo de Betanzos. A Plataforma enfatizou que tal servizo existe xa noutras zonas do Estado que están menos poboados, como Santander, Cádiz ou o tren que une Murcia e Cartaxena.

Para alén do anterior, reivindicaron tamén a construción de apeadeiros "en zonas de crecemento demográfico exponencial" como as urbanizacións da Barcala e das Xubias, para que o servizo de ferrocarril se poida empregar como de proximidades.

Fomento prioriza a conexión coa meseta e deixa na Galiza 11 localidades desatendidas

Por derradeiro, pediron que se restablezan todas as paradas que foron eliminadas en xuño, cando once estacións ficaron sen servizo ao defender o ministerio de Fomento que existía unha alternativa por estrada. Ademáis, outras 23 reduciron a súa frecuencia a unha viaxe ao día.

Priorizáronse as conexións de longa distancia con Madrid e a cambio once poboacións da Galiza ficaron desatendidas. É o caso de Cecebre, na liña A Coruña-Ferrol, ou de A Friela (Maside), na liña Ourense-Santiago, onde a redución de comboios que fan parada foi tal que fixeron practicamente inúteis os apeadeiros.

A marcha contou co apoio de concelleir@s do BNG da Coruña, Culleredo e Betanzos; dos sindicatos CNT e CXT --maioritarios no sector--; e do concelleiro de Esquerda Unida na Coruña. Aliás, tamén o deputado de AGE Antón Sánchez tomou parte na manifestación que saíu da estación de Betanzos. O rexedor betanceiro, Ramón García Vázquez (PSdG-PSOE), non apoiou o protesto.