200 colectivos mobilízanse este domingo contra “a vaga eólica colonial”

7.000 megawatts eólicoas atópanse en tramitación na Galiza (Foto: Antonio Ayuso).

O domingo 11 de decembro, un total de 18 localidades galegas acollerán diversas mobilizacións contra a "vaga eólica colonial". A plataforma Eólica, Así Non quere expresar con estes actos o seu rexeitamento á "invasión eólica", coincidindo co Día Mundial das Montañas.

As protestas decorrerán de maneira simultánea na Baña, A Fonsagrada, Cecebre, Foz, Meira, Antas de Ulla, Coristanco, Mondoñedo, Moeche, Lugo, Becerreá, Vila de Cruces, Moaña, Pontevedra, Forcarei, Xinzo de Limia, mentres os lugares onde se realizarán as protestas na Costa da Morte e no Courel están aínda por confirmar.

Aliás, boa parte desas mobilizacións completaranse con andainas e subas aos cumios das montañas "afectadas pola invasión eólica" en municipios como Foz, Antas de Ulla, Moeche, Mondoñedo, Becerreá, Lugo ou Forcarei.

O colectivo Eólica, Así Non explica os actos do domingo como resposta a "un novo proceso de colonización enerxética que no franquismo destruíu os ríos e que agora vai polas terras, montes e mesmo polo mar, mentres que a pobreza enerxética aumenta e comarcas enteiras van camiño da desertización social e industrial".

As entidades convocantes da protesta denuncian que "as eléctricas triplican beneficios, xa que o prezo da luz está a sufrir a súa maior escalada na historia e o marco regulatorio e tarifario en vigor está ao seu servizo, demostrándose a falsidade da afirmación de que a máis parques eólicos, máis barata será a factura".

"Temos que denunciar que o sistema para a implantación da enerxía eólica segue rexéndose por unha planificación caduca, e por unha lexislación que favorece o oligopolio enerxético", sinalan desde Eólica, Así Non.

As mobilizacións deste domingo reivindican “modelos enerxéticos que teñen como principios fundamentais a protección da natureza” e “unha planificación eólica con fins socioambientais e ao servizo do país”.

Eólica, Así Non “ aposta polo aforro e eficiencia enerxética” e “ a defensa da soberanía sobre os nosos recursos fronte ao espolio enerxético”.

Os actos reivindicativos están convocados por 200 colectivos de carácter ecoloxista, entre eles Adega, veciñal, sindical, como CIG, Fruga e SLG ou políticos

Eólica, Así Non convoca as seguintes mobilizacións:

A Baña: 12h. Manifestación desde Área recreativa Agra de Chans ata a Praza do Concello. 

A Fonsagrada: 12h. Concentración no Mirador dos Tres Bispos (Rúa Antón Fraguas).

Becerreá: 12h. Concentración na Praza do Concello e ás 16h Andaina ata a Pena do Pico. 

Coristanco: 12h. Concentración na Praza do Concello (Avda. Finisterre 112, Rúa do Muíño. 

Encoro de Cecebre: 12h. Concentración no Encoro de Cecebre (AC221, p.k., 7,5)

Forcarei: 11H. Concentración e manifestación (depende da climatoloxía) na Praza da Igrexia. 

Foz: 12h. Concentración e roteiro dende a Igrexa de San Martiño de Mondoñedo. 

Lugo: 9hMarcha dende San Xoán do Alto,  e ás 12h concentración e recital diante do Multiusos da Xunta.

Meira: 12h Concentración na Praza do Concello. 

Moaña: 12.30h Concentración na Praza do Concello. 

Moeche: 9h Andaina dende o Castelo con chegada á feira de Moeche ás 12h (concentración).

Mondoñedo: 10 de decembro ás 16h. Andaina dende a Subestación eléctrica do PE Sasdónigas.

Monterroso:  11h Andaina Ligonde, Fronte a taberna de Eirexe. 

Pontevedra: 12h. Concentración na Praza da Peregrina. 

Vila de Cruces: 12h. Concentración na Praza do Concello.

Vimianzo: 11h. Andaina e concentración dende Antiga Escola de Pasarela ata o Penedo da Cachucha. 

Xinzo: 12h Concentración na Praza Maior.