200 bens e monumentos na Galiza figuran en 'lista vermella' por risco de desaparición

Casa grande de Cabana de Bergantiños.
Castros, torres, pazos, petróglifos, capelas... Perto de 200 bens e monumentos galegos están en serio risco de desaparecer, e con eles toda a cultura material e inmaterial  que atesouran. Unha cifra que aumenta ano tras ano, como advirten as persoas expertas, sen que haxa un compromiso das Administracións para lle pór couto.

Os bens que integran as listas vermellas elaboradas por asociacións e colectivos de defensa do patrimonio da Galiza continúan a aumentar. Son listaxes nas que se inclúen aqueles bens e elementos do patrimonio que se atopan en grave risco de degradación, deterioración ou desaparición. Unha comisión científica integrada por especialistas na materia é quen elabora esta lista en base a criterios como a importancia histórica e arquitectónica do ben ou o estado no que se encontra. Hai dúas listas que destacan, a de Patrimonio Galego, que supera os 12.000 bens catalogados, e o de Hispania Nostra. 

Este último colectivo naceu hai 40 anos para defender e pór en valor o patrimonio do Estado español desde a sociedade civil. En 2007, impulsou a coñecida como Lista vermella do patrimonio. En 2014, integraban esa listaxe 12 bens galegos, un número que aumentaba a 18 a mediados de 2016 e que a comezos de 2017 estaba na vintena, cifra que se mantiña en 2018.

Na actualidade, son 69. Máis completa é aínda a lista vermella (definición empregada a nivel internacional para se referir a aqueles bens en estado de abandono ou risco)  que fai Patrimonio Galego, con máis de 12.000 bens culturais catalogados por todo o país. Na súa lista vermella figuran 120 tesouros do noso pasado “en perigo inminente”. De conventos a cruceiros, pasando por pontes, igrexas ou círculos líticos, diversos elementos integran esta lista. A principios de 2015, figuraban por volta de 40 bens, co  cal, a cifra multiplicouse por tres en menos dunha década.

A pesar de "gozaren" do status de Ben de Interese Cultural, de estaren incluídos no Plan nacional de patrimonio industrial ou de seren Reserva da Biosfera, algúns dos elementos incluídos nas listas vermellas presentan un estado de abandono e deterioración progresiva. Espazos emblemáticos como o Parque do Pasatempo de Betanzos, a Torre da Caldaloba de Cospeito, ou a factoría baleeira Massó de Cangas do Morrazo.

Implicación veciñal fronte ao desleixo institucional

O presidente da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Carlos Henrique Fernández Coto, explica a Nós Diario a dificultade de contar con datos dos casos actuais de patrimonio en risco de desaparecer "pola cantidade de denuncias que se realizan desde moitos lugares e con distinta urxencia". Expón que se trata dun "fenómeno dinámico". Engade que unha parte importante das queixas están relacionadas coa destrución de elementos arqueolóxicos nos montes. Persoas e colectivos locais certifican a implicación popular na defensa do patrimonio.

"A maior parte de denuncias son de particulares, hai moita implicación e tamén preocupación neste tema por parte da poboación", asegura a este medio Ana Zarco, coordinadora da lista en Hispania Nostra. O perfil de denunciantes na Galiza é moi variado "e vai desde persoas sen coñecementos de patrimonio até profesorado universitario", indica Zarco.

Apatrigal vai máis alá e cando reciben unha denuncia póñena en coñecemento da Policía Nacional adscrita á comunidade autónoma da Galiza. "Observamos que é moito máis áxil a resposta", asegura o colectivo.