20 de outubro: a LOMCE a referendo na Galiza

Erguer fará unha consulta simbólica en centros de 20 comarcas galegas para que o estudantado poida expresar a súa opinión sobre unha lei que a organización estudantil considera nociva para o ensino público.

Este 20 de outubro máis dunha trintena de centros de ensino de 20 comarcas diferentes acollerán un referendo simbólico para que o estudantado exprese a través do voto a súa opinión a respecto da LOMCE. “É unha consulta simbólica na que chamamos o estudantado a votar si ou non a esa lei e así que se visibilice a opinión real que este ten da LOMCE”, explica Iria Figueroa responsábel nacional de Erguer, a organización estudantil que impulsa este referendo.

Figueroa lembra que ao longo e todos estes meses o estudantado xa veu amosando o seu rexeitamento a esta lei, quer a través de greves, quer a través de mobilizacións. Unha oposición que amplía ao conxunto da comunidade educativa, como o profesorado ou mesmo as familias. “En Galiza deuse a abstención máis alta do Estado na asistencia ás reválidas”, sinala.

A marxinación do galego, as reválidas, a introdución da relixión como materia que computa na media,... son algunhas das cuestións que Iria Figueroa cita para explicar a oposición na comunidade educativa a esta lei. Unha lei que a Xunta non dubidou en aplicar cando podía optar por non facelo, como decidiron outros territorios. “O goberno galego preferiu seguir os ditados do PP de Madrid a ter en conta o que opinaban profesorado e alumnado galegos”, conclúe.