Un 20% das enfermeiras de familia traballan fóra da Galiza

Enfermeiras de familia afirman que a implantación da especialidade é lenta e desigual nas distintas áreas sanitarias. (Foto: Xunta da Galiza).
Galiza foi o primeiro territorio do Estado en implantar a especialidade de enfermaría familiar e comunitaria. Mais esta iniciativa non ámbito da formación non se reproduce no laboral. Enfermeiras de familia critican a falta de contratación e consolidación dunha figura sanitaria esencial na Atención Primaria. 

Segundo sinala un estudo realizado pola Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec), un 22% das enfermeiras especialistas inscritas na bolsa de contratación temporal da Galiza traballa fóra do territorio. Outro 16% continúa na Galiza, mais ligado a servizos sanitarios distintos ao da súa especialidade. 

"O máis habitual nos centros de saúde é encontrar enfermeiras xerais cando hai especialistas dispoñíbeis na lista de contratación que se vén na obriga de aceptar contratos noutros ámbitos baixo o risco de seren penalizadas". Mónica Carazo é unha das 34 enfermeiras que no mes de setembro saíron ao mercado laboral como especialistas en enfermaría familiar e comunitaria despois de dous anos de formación específica para asistir e facer seguimento das usuarias da Atención Primaria. Tamén é unha das poucas que despois de tres contratos en servizos alleos á súa especialidade traballa como enfermeira nun centro de saúde. Das 34 enfermeiras tituladas en setembro só catro están en centros de saúde "con contratos de un mes".

Cartos tirados

"Moitas compañeiras marchan porque fóra atopan mellores condicións. Ti vas a Asturias, ás Illes Balears ou a Catalunya e xa te sitúan na Primaria nada máis acabar". Aquí non, insiste, por iso o máis frecuente é acabar na hospitalaria, "que son cartos da formación tirados ao lixo, 60.000 euros por enfermeira, que é o que lle custa ás arcas públicas a especialidade de calquera residente".

As enfermeiras de familia falan dun desperdicio de tempo e diñeiro, pero sobre todo do desaproveitamento dun recurso profesional moi valioso para o sistema de saúde, nomeadamente para a Atención Primaria, con atrasos e sobrecarga que xustifican aínda máis a súa incorporación estábel ao sistema.

"Nós ocupámonos do control e seguimento dos doentes crónicos, un colectivo cada vez máis numeroso e complexo que require un manexo específico que aprendemos durante a nosa formación. Formámonos en promoción da saúde, en prevención", descoidadas durante a pandemia. 

Pioneira, mais non no laboral

En 2016 a Galiza foi pioneira na implantación da categoría de enfermaría familiar e comunitaria, "pero isto non significa que as especialistas esteamos a traballar como tal". En agosto había 189 inscritas na bolsa do Sergas, das que só 70 exercían na Atención Primaria. Coa incorporación das 34 que remataron agora a súa formación mais daquelas enfermeiras xerais que obtiveron o título pola vía excepcional "somos case o dobre", confirma Carazo, quen critica a mala planificación do Sergas dos seus recursos humanos. "Aboca as especialistas a un futuro laboral incerto, precario". 

As áreas sanitarias están a solicitar novas prazas que a Consellaría de Sanidade denega, apunta Agefec. "Primeiro puxo a escusa de que eramos poucas. Agora di que só crearán prazas de especialista naqueles centros que teñan plan de saúde, os grandes, o que deixa a poboación máis necesitada de coidados de calidade sen enfermeiras de familia".