Até 20 alcaldes de todo o Ulla buscan facer forza común contra Altri en Madrid e nos tribunais
A vindeira segunda feira os alcaldes de Melide, Santiso, Agolada, Arzúa e Toques manterán unha reunión formal para buscar unha estratexia común logo de que na pasada sexta feira a Xunta lle dera á macrocelulosa de Altri a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) positiva.
O alcalde de Melide, Xosé Manuel Pérez Penas (Adiante Melide), explicou a Nós Diario que o obxectivo logo de varios contactos previos é “xuntarnos uns 20 alcaldes” de todo o Ulla desde a comarca da Ulloa até a ría de Arousa para “ir todos xuntos cunha posición común ao Ministerio de Transición Ecolóxica e tamén aos tribunais”.
O Concello de Melide foi un dos que presentou alegación ao proxecto de Altri sobre os impactos desta industria no seu territorio. Pérez Penas explica a Nós Diario que recibiron resposta a estas alegacións “co anagrama de Altri”. Segundo a documentación que chegou ao concello en resposta á alegación -que presentaron diante da Xunta de Galiza- “o promotor do proxecto nos contestou dicindo que eran proxecto industrial estratéxico”.
“Non se pode industrializar á forza”
Malia a esta resposta da empresa, Pérez Penas di que “o Concello de Melide ten a mesma postura, non se pode industrializar á forza e falamos dunha macrocelulosa, non se chama doutra maneira”. A respecto da reunión convocada na segunda feira cos outros alcaldes da zona, o rexedor de Melide explica que busca “unha determinación de todos os alcaldes, nós temos a mesma postura, non é un proxecto estratéxico”.
O caso de Melide respecto do proxecto de Altri está claro desde o principio. A pesar de que a macrocelulosa de Altri estaría formalmente en terreos do municipio de Palas de Rei, o certo é que a Finca de Quintas -onde Altri quere instalar a celulosa- está a cinco quilómetros do casco urbano de Melide e a 10 do de Palas de Rei.
Ademais o tramo do Camiño Francés a Santiago entre Palas e Melide é un dos máis concorridos da Ruta Xacobea -mais de 250.000 peregrinos o percorren ao ano-. O alcalde de Melide explica que no seu concello hai “1.000 postos de traballo vencellados ao Camiño” que estarían en perigo de implantarse a macrocelulosa de Altri.
“É unha decisión política”
“Esta non é unha decisión técnica, foi unha decisión política que aparece agora referendada por técnicos”, afirma Pérez Penas. Fai dous meses que os alcaldes de Melide, Arzúa e Santiso pediron por carta unha reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para falar de Altri. “Seguimos sen resposta”, dí Pérez Penas, algo que corroboraron tamén a Nós Diario os rexedores de Santiso, Manuel Adán, e Arzúa, Xoán Xesús Carril.
“Quero saber si hai estudos do impacto económico no noso territorio, queremos que nolo expliquen porque si perdemos o Camiño de Santiago perderemos emprego e tamén poboación”, asegura Pérez Penas. O alcalde de Melide lembra a primeira vez que a empresa acudiu ao concello a “explicarnos o proxecto”, asegura que Altri falou mesa reunión de “2.500 postos de traballo e paro cero para todo o centro de Galiza, até nos convidaron a ir a Portugal, eu non aceptei”.