Entre 20% e 50% dos pacientes non toma correctamente a súa medicación

A presidenta do COFC, Sara Catrain; a vogal de Oficinas de Farmacia do COFC, Silvia Represa; a farmacéutica de Atención Primaria, Carolina González-Criado; e a titular de Farmacia no barrio Coruñes de Monelos, Belén Cobián. (Foto COFC)

Persoal farmacéutico aposta pola preparación dos sistemas personalizados de dosaxe para paliar este problema

O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña (COFC) alertou esta cuarta feira de que entre 20% e 50% dos e das pacientes non toma correctamente a súa medicación. O colectivo apostou pola mellora da adherencia aos medicamentos a través da preparación e entrega dos Sistemas Personalizados de Dosaxe (SPD).

"A falta de adherencia é un problema prevalecente e relevante na práctica clínica sobre todo nos enfermos crónicos", sinalou a presidenta do COFC, Sara Catrain, na presentación desta ferramenta que "mellora a eficacia do sistema sanitario" e é "beneficiosa para o paciente".

"Calcúlase que entre 20% e 50% dos e das pacientes non toma correctamente a súa medicación", alertou Catrain. Este feito, segundo explicou, "supón un fracaso terapéutico, ineficacia do tratamento, empeoramento do estado clínico do paciente, incremento das visitas e, se non hai máis remedio, urxencias e hospitalizacións".

No acto celebrado esta cuarta feira estivo acompañada pola vogal de Oficinas de Farmacia do COFC, Silvia Represa; a farmacéutica de Atención Primaria da área sanitaria da Coruña, Carolina González-Criado; e a titular de Farmacia na barrio coruñés de Monelos, Belén Cobián.

Criterios de inclusión

González-Criado explicou que este servizo estará financiado para os pacientes con idade avanzada, "maiores de 74 anos"; polimedicados "con máis de 13 medicamentos prescritos de maneira crónica"; e con "problemas de incumprimento na súa terapia", isto é, que vivan sós ou non dispoñan de rede de apoio sociofamiliar.

Represa, pola súa banda, incidiu en que a entrega do dosificador contén fármacos "para un período de 14 días". Con todo, "en situacións excepcionais" pódese incluír unha ampliación do tratamento.

Estas profesionais, ademais, insistiron en recomendar aos pacientes que informen "o máis axiña posíbel" os cambios nos medicamentos co fin de "ter actualizada a súa medicación".

Un total de 174 farmacias sumáronse a este programa e lucirán un distintivo co lema 'Axudámoste coa túa medicación'. Desde o pasado ano, poden ofertar este servizo, tras a publicación e adaptación do decreto que o regula.