Identifican os restos dun home afogado en Vigo hai máis de 40 anos

Un coche da Policía Nacional (Foto: Europa Press).
O corpo foi achado o 19 de novembro 1981 e, nese momento, non fora identificado.

A Policía Nacional conseguiu identificar os restos dun home que apareceu afogado na cidade de Vigo en 1981, tras os cotexos realizados polo Centro Nacional de Desaparecidos, desde onde se xestionan as bases de datos das forzas e corpos de Seguridade, en relación con persoas desaparecidas ou restos humanos sen identificar.

O corpo foi achado o 19 de novembro 1981 e, nese momento, non fora identificado. Axentes da Comisaría de Vigo realizaron a necrorreseña e gravaron nas bases de datos de Policía Científica o ADN do home, que morreu afogado.

En 1984 interpúxose unha denuncia por parte dunha muller, que comunicaba a desaparición do seu irmán, veciño da cidade olívica, e que podería suceder entre o 1 de xaneiro de 1981 e o 31 de xaneiro dese ano.

Todos estes trámites fixéronse de forma manual, xa que entón as xestións non estaban informatizadas. Ao avanzarse na dixitalización de bases de datos, e coa creación do Centro Nacional de Desaparecidos en 2018, empezáronse a cotexar mostras de todas as investigacións pendentes de resolver e de restos sen identificar.

Nese marco, o grupo de investigación da Comisaría de Vigo recibiu recentemente, por parte do Grupo de Desaparecidos da Policía Nacional, a identificación dun home a través do estudo realizado polo Centro Nacional de Desaparecidos.

Así, púidose identificar o cadáver aparecido na cidade hai case 42 anos, correspondente á denuncia interposta en 1984. Os datos foron comunicados á familia do desaparecido e ao xulgado.