2% da poboación galega xa tería estado en contacto co coronavirus

Galiza rexistra unha baixa circulación do virus (Imaxe: H.Bilbao / Europa Press)
O coronavirus tería aínda circulado pouco no territorio galego, segundo os datos preliminares do estudo de seroprevalencia do Ministerio de Sanidade. 
 

Pouco máis de 2% da poboación galega tería resultado contaxiada polo coronavirus, segundo os datos dados a coñecer esta cuarta feira, 13 de maio, polo Ministerio de Sanidade, correspondentes aos primeiros resultados do estudo epidemiolóxico que realizou o Goberno estatal entre a poboación para averiguar que porcentaxe aproximada de persoas terían estado contaxiadas de coronavirus. 

Os datos son aínda preliminares e responden aos resultados forneceidos polas primeiras probas realizadas. 

O mostreo amosa que a incidencia do virus na Galiza foi baixa e que a COVID-19 tivo escasa circulación polo país, o que indica que hai moi pouca porcentaxe de poboación aínda inmunizada.

Os datos do Ministerio veñen por provincias: 1,8% de persoas na da Coruña terían superado o virus, 2,3 na provincia de Pontevedra e na de Lugo, e 2,8 na de Ourense, que levaría a cifra máis alta da Galiza. 

No Estado o índice de poboación que tivo contacto co coronavirus é de 5%, o que indica que uns 2 millóns de persoas  pasaron a COVID-19 e xeraron anticorpos. No estudo analizáronse 60.897 persoas. As zonas con maior prevalencia de anticorpos é cinco veces  maior que nas zonas onde houbo unha menor presenza do virus na poboación.

Así, as provincias de Soria (14,2%), Cuenca (13,5%), Segovia (12,6%), Albacete (11,6%), Madrid (11,3%) e Ciudad Real (11,1%) son as que contan cun maior número de persoas con anticorpos. Catalunya, que xunto a Madrid é das zonas máis afectadas,  6,9% da poboación xerou anticorpos. 

Por idades, a prevalencia sitúase por riba da media con entre 6 e 7% entre as maiores de 45 anos (até 6,9% nas persoas de entre 70 e 74 anos), mentres que rolda 4-5% entre os 10 e os 44 anos e baixa a entre o 1 e 3% no grupo de idade de 0 a 9 anos.