NOVO MONOGRÁFICO DE SERMOS

1968 en primeira persoa

[Imaxe: Manuel María con varios integrantes de Voces Ceibes. De esquerda a dereita, de arriba a abaixo: Xavier González del Valle, Manuel María, Benedicto García Vilar, Xerardo Moscoso e Vicente Araguas. Alameda de Compostela, 11 de maio de 1968.

Saíu do prelo Galiza 1968. A consciencia avivada. O volume incluído nas monografías De Nós, impulsadas por Sermos Galiza S.A., chegaralles nos vindeiros días ás e aos asinantes do semanario. Tamén se distribuirá polos quiosques e as librarías de todo o país. Ao fin, o caderno responde á vontade de restaurar un período chave do noso pasado recente dándolle voz á loita dunha xeración que aspiraba a devolver Galiza á historia.

A publicación promovida por Sermos Galiza S.A. e coordinada polo investigador Xosé Ramón Ermida Meilán propón unha viaxe pola Galiza da década dos sesenta guiada por algunhas das mulleres e homes que viviron en primeira persoa os feitos que agora nos contan. Segundo os editores, “os traballos pretenden revivir da man dalgúns dos seus protagonistas os días e feitos que abonaron a conformación dunha nova consciencia galega”, sinalando que neste período fanse presentes “algúns dos síntomas dun novo tempo na sociedade galega, que acadará o seu momento cumio no segundo quinquenio da década dos setenta xa convertido nun amplo movemento de masas de orientación democrática e galeguizadora”. Nesta liña, considérase que o 68 galego “foi un movemento orixinal que responde á dialéctica endóxena da formación social galega” e saliéntase que “as demandas da sociedade respondían a reivindicacións concretas moi ligadas á problemática específica do país nunha xeral orientación antifranquista e de recuperación da identidade galega”.

 

As clases populares serían un suxeito decisivo na conformación dunha alternativa ao franquismo. Así, neste monográfico Nemésio Barxa, na altura un avogado galeguista que traballaba no despacho de Amadeo Varela, militante da UPG que asumiu a defensa xurídica dos labregos afectados polo encoro de Castrelo de Miño, recupera a loita das veciñas e veciños contra Fenosa e o movemento social de solidariedade xurdido na sociedade galega. As protestas da veciñanza do val de Castrelo, o xantar de despedida a Celso Emilio Ferreiro en 1966, convertido no primeiro mitin organizado na Galiza após 1936 contra o franquismo, as follas voandeiras clandestinas e tamén dirixentes como Luís Soto dan corpo á crónica sobre “a primeira revolta autenticamente popular contra Franco”.

 

Pola súa banda, Camilo Nogueira, ao tempo un mozo enxeñeiro da Citroën que presidía a Asociación Cultural de Vigo, resgata nunha entrevista a construción do colectivo Galiza Socialista, os intentos de vincular a clase obreira á loita nacionalista, a vontade de articular sindicatos de dirección galega e a xénese da organización operaria en Vigo, que demostraría a súa madurez nas grandes loitas de 1972.

 

A eclosión da cultura

 

A década dos sesenta significa unha auténtica eclosión da cultura galega. Henrique Harguindey e Manuel Romero, fundadores e directivos da agrupación O Facho, debrúzanse no asociacionismo cultural xurdido para a defensa da identidade galega. A aparición de entidades como O Galo en Compostela, O Facho na Coruña, a Agrupación Cultural de Vigo, o Clube Cultural Valle-Inclán en Lugo, a Auriense, o Ateneo de Moaña, Amigos da Cultura en Pontevedra ou Abrente en Ribadavia serviu para pór en marcha centos de iniciativas de dignificación da cultura do país e da súa lingua, favorecendo o compromiso co propio dunha nova xeración galega.

 

A carón do impulso ao tecido asociativo, sinalouse no tempo o impulso da actividade teatral, das artes plásticas, coa aparición da Estampa Popular Galega, e da canción no noso idioma. Precisamente, Vicente Araguas, un dos fundadores e membros senlleiros de Voces Ceibes, ocúpase nesta publicación do nacemento e desenvolvemento da nova canción na Galiza, reparando no labor deste colectivo, así como no papel das primeiras iniciativas discográficas.

 

A loita estudantil

 

Os protestos estudantís ficaron na memoria como imaxe case icónica do patrimonio rebelde de toda unha década. Xesús Sanxoás Formoso, á volta de 1968 estudante de dereito en Compostela, repasa os conflitos vividos na universidade galega que estouparan con toda a súa forza no mes de marzo cunha folga que paralizaría durante meses a actividade académica. A lembranza das reivindicacións concretas e a incardinación destas no marco xeral da loita contra o franquismo, a aparición de novas formulacións partidarias, as dificultades na configuración da alternativa nacionalista pero tamén o recordo da represión do réxime a unha xeración que aspiraba a volver a poñer en marcha a Galiza son eixos deste artigo.

 

Ao tempo, Pilar Allegue Aguete, entón unha estudante na universidade madrileña, recupera a participación na loita das e dos escolares galegos residentes na capital do Estado, significando a actividade dos Comités de Nacionalidades, unha plataforma impulsada por patriotas galegos e vascos que xogarán un papel chave na orientación e dirección do movemento estudantil en Madrid.

 

A aparición do estudantado como actor político de primeira orde introduciría toda unha serie de mudanzas que cuestionaría os roles tradicionais e abriría novos aspectos na axenda do cambio. María do Carme García Negro, recentemente chegada a Santiago de Compostela no curso 1967/1968 e parte da primeira promoción da Facultade de Económicas, fixa un panorama social da capital de Galiza, afirmando que “Compostela era en 1967 pouco máis que unha vila grande con dous representantes de peso social: a Igrexa e a Universidade” e afirma que “a convivencia dos estudantes cos santiagueses era moi cativa, compartíase espazo urbano pero non vidas”.

 

A cuestión de xénero

 

Camiño Noia, entón presidenta da Xuventude de Estudantes Católicos e destacada activista do marzo compostelán, reflexiona sobre o papel das mulleres e da problemática de xénero naquela mocidade politizada que combatía o franquismo, destacando que “os grandes cambios no pensamento en 1968 non foron acompañados de mudanzas importantes respecto ao papel das mulleres” e exemplificado que “malia o compromiso político dun amplo grupo de universitarias, os dirixentes da revolta foron só homes”.

 

A monografía é unha obra continuadora doutras sobre a temática editadas nos últimos anos e agarda por novas investigacións que permitan achegar unha visión de conxunto sobre a época. Son moitos os temas de relevo que ficaron, por diversos motivos, fóra da publicación e que terían contribuído a unha mellor compresión do período. Porén merece destacar a achega de Xaquín Campo Freire, un daqueles cregos antifascistas da comarca de Ferrol comprometido até hoxe cunha igrexa galeguizada e coa súa sociedade. O seu traballo fornécenos a perspectiva dun sector da igrexa heterodoxa que, ao abeiro do proceso iniciado co Vaticano II, aposta decididamente na introdución do noso idioma na liturxia e no movemento que prestou colaboración á loita nacionalista clandestina, como aconteceu en 1975 canda “o Domus Ecclesiae foi saqueada pola policía cando o asasinato de Moncho Reboiras, xunto coas casas doutros seis curas”.

 

Presentacións

 

Estamos diante dunha publicación con vontade divulgativa que aspira a achegar un relato anovado sobre a historia contemporánea de Galiza. Sermos Galiza S.A. indica que “os debates que se pretenden organizar nas cidades e vilas de Galiza responderán ao obxectivo de botar luz arredor dun novo rexurdimento que vai inaugurar un ciclo político no país que arranca coa fundación das organizacións nacionalistas clandestinas a mediados da década dos sesenta e que se fechará após o golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981 tras a consolidación do réxime da II Restauración”.