1.945 casos activos de Covid-19 na Galiza

O Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo esta semana. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Consellaría de Sanidade informa de 1.945 casos activos de Covid-19 na Galiza. Xa nos últimos días do curso lectivo seis aulas mantéñense fechadas.

Na Galiza hai neste intre 1.945 casos activos de Covid-19, segundo informou hoxe a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade

Por áreas sanitarias hai 342 na da Coruña, 245 na de Lugo, 159 na de Ourense, 222 na de Pontevedra, 534 na área de Vigo, 335 na de Santiago e 108 na de Ferrol.


Destas persoas, 13 atópanse en Coidados Intensivos, 71 en unidades de hospitalización e 1.861 no seu propio domicilio. Até o de agora, sinala o Sergas que hai un total de 122.954 persoas curadas, rexistrándose 2.426 falecementos. 

No que atinxe a loita contra a Covid-19 tamén informa que se practicaron 2.274.739 de PCR e até 2.000.543 de doses dalgún dos compostos de vacinación foron administradas.

Hai 358 casos activos de Covid-19 vencellados a centros educativos, o que levou a fechar seis aulas, mais ningún centre está clausurado.

Persoas de viaxe

A Consellaría de Sanidade incide en que as persoas que cheguen o país nas vindeiras datas e procedan dalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOGA terán que facilitar os seus datos de contacto ao Sergas, sexa pola páxina web ou no teléfono 881 00 20 21,

Amais, aclara que a máscara segue a ser obrigatoria tanto en interior como en exterior, “poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalaría”.