Un 19% das prazas nas oposicións docentes fican sen adxudicar

A CIG advirte que esta porcentaxe é tres puntos superior á convocatoria do 2018 e confirma para o sindicato máis representativo no ensino público galego unha tendencia á alza nos últimos anos, especialmente centrada nas especialidades de secundaria.

Das 2.064 prazas que a Consellería de Educación anunciou que ía ofertar tan só se cobren 1.671. Unha cifra inferior á da convocatoria de 2018, na que se adxudicaron 1723 prazas dun total de 2050 ofertadas. Este é o cerne da denuncia que fai CIG-Ensino, que afirma que a maior parte das prazas que fican desertas proveñen da convocatoria de promoción interna ou acceso.

A CIG-Ensino lembra que xa denunciara na Mesa Sectorial na que a Xunta “impuxo unilateralmente a oferta de emprego” que se estaba a incrementar estas prazas máis alá do mínimo fixado pola normativa legal “para poder vender que se superaba novamente a cifra de 2.000 prazas na OPE (oferta pública de emprego)”.

Nas probas de ingreso destacan para a CIG especialidades dos corpos de profesorado de ensino secundario (PES) e de formación profesional (PTFP), xa que dun total de 1018 prazas entre ambos corpos só aprobaron 922 aspirantes, ficando sen cubrir 96 prazas, perto dun 10% do total. No caso do corpo de mestres a única especialidade na que non se cubriron todas as prazas volve ser de novo Francés, na que son máis as prazas desertas que as cubertas (38 e 32 respectivamente).

Entre as especialidades nas que non se cubriron todas as prazas destacan a de Informática, con perto da metade de prazas sen adxudicar, FOL, Organización e Procesos de Mantemento de de Vehículos (PES) ou Mantemento de Vehículos (PTFP) todas eles con ao redor dun terzo de prazas vacantes. Matemáticas volve de novo a deixar prazas desertas, nesta ocasión cun 19% de prazas sen adxudicar.

A central tamén denuncia a “peneira absolutamente desproporcionada” na 1ª fase da oposición. Así, afirma, pouco máis do 16% das aspirantes en secundaria superou a 1ª proba, por un 21% no corpo de mestres. Para a CIG, o elevado número de aspirantes por tribunal e o feito de que estes teñan asignados cometidos que podería facer a Consellaría, como é a baremación da fase de méritos, xunto co escaso tempo do que se dispón para rematar todo o proceso, implica que en moitos casos esa criba se dispare ás cifras que vemos nesta convocatoria.