I Asemblea Nacionalista

Os cen anos da Asemblea Nacionalista de Lugo

Fanse exactamente 100 anos da Asemblea de Lugo, que significa o nacemento do nacionalismo galego en sentido estrito. A liña política definida polas afiliadas e afiliados das Irmandades da Fala representa un salto cualitativo nas reivindicacións nacionais de Galiza. Ao fin, non se trata dunha mudanza simplemente terminolóxica, senón do abrente dunha nova etapa na loita pola liberación nacional do país.

[Imaxe: SG] Militancia da Irmandade da Fala de Betanzos.
photo_camera [Imaxe: SG] Militancia da Irmandade da Fala de Betanzos.

5É o resultado dun proceso de clarificación interna que arranca a comezos de 1918. Os resultados das eleccións xerais de febreiro dese mesmo ano puxeron ao descuberto as limitacións da actuación política do movemento irmandiño e as diferenzas ideolóxicas existentes, evidenciando a debilidade da súa implantación social e da súa capacidade de mobilización, a ausencia dun programa político e ideolóxico o suficientemente definido e coa vontade debida para articular unha plataforma de masas ampla, as diverxencias entre dúas pólas da organización arredor da consideración de Galiza como suxeito de dereitos políticos e as deficiencias dunha estrutura organizativa que imposibilitaba unha actuación coordinada e eficaz no conxunto do país.

O proceso de debate viuse marcado, ao tempo, por un contexto estatal e internacional onde era sometida a cuestión á vella orde centralista e imperialista, expresada polas protestas contra o réxime da I Restauración, a Revolución Soviética, situando en primeiro plano a liberdade das colonias sometidas aos imperios europeos, e as posibilidades abertas co fin da Grande Guerra e a formulación da doutrina Wilson.

Os inicios

A idea de convocar unha asemblea nacionalista que dea resposta ao escenario aberto ocupa a axenda dos dirixentes e organizacións patrióticas ao longo dese ano. Mentres o 4 de xuño a Irmandade de Fala da Coruña aproba uns novos estatutos fixando un funcionamento común para toda Galiza e establecendo a celebración dunha asemblea anual de todos os grupos, Antón Lousada Diéguez chama a un encontro nacional celebrado en Santiago de Compostela o 28 de xullo que remata sen acordo pola oposición dos sectores ligados ao rexionalismo.

Malia o fracaso desta convocatoria, Lousada teima na celebración da xuntanza co apoio de Luís Porteiro Garea, que suxire a celebración dunha asemblea municipalista para comezos do outono, fixándose finalmente como data o 10 de outubro na cidade de Lugo, sendo preciso adiala pola epidemia gripal que golpeaba o país e que chegou a provocar aproximadamente 25.000 mortas e mortos, entre eles Porteiro Garea.

Os traballos sucedíanse nesa dirección, acompañados dunha forte campaña de axitación dos irmandiños con máis de 70 actos ao longo do país, significándose, ao tempo, os traballos doutrinais elaborados por Luís Porteiro Garea e Arturo Noguerol, empregados como borradores nos documentos aprobados en Lugo.

O 17 e 18 de novembro de 1918 reúnense en Lugo 57 delegados en representación da afiliación das Irmandades da Fala. Os asistentes, procedentes de 16 localidades, contaban coa adhesión doutros 17 persoeiros, dalgún medio de comunicación galego e de varias sociedades agrarias, organizando os seus traballos en sesións públicas e privadas. As primeiras, presididas polo veterano patriota ligado á Cova Céltica e Solidariedade Galega Manuel Banet Fontenla, desenvolvéronse no Lugo Salón cun comicio no que tomaron a palabra, entre outros, Arturo Noguerol, Vicente Risco, Antón Lousada Diéguez, Ramón Cabanillas, Manuel Banet Fontenla e Luís Peña Novo, rematando co canto do Himno Galego. As segundas, dirixidas por Lousada Diéguez, centraron a súa atención na análise da situación política de Galiza e na definición dunha alternativa estratéxica para o nacente movemento nacionalista así como na concreción dun modelo organizativo que dotase de máis eficacia social e institucional a acción das Irmandades da Fala. A carón destes dous grandes bloques de debate aprobaron diversas resolucións, sinalándose entre elas o recoñecemento de A Nosa Terra como voceiro da nacente organización ou a proclamación da soberanía estética da nación galega.

As conclusións

O manifesto acordado en Lugo representa a formulación pública da idea de Galiza como nación. As conclusións da primeira asemblea nacionalista son a consecuencia lóxica da construción doutrinal iniciada pola primeira xeración provincialista a mediados do século XIX e continuada por Manuel Murguía, onde Galiza xa aparecía como unha realidade diferenciada no plano peninsular. Porén, agora, preséntase como un suxeito de dereitos políticos en loita para facelos efectivos.

A declaración política comeza afirmando que “Tendo Galiza todas as características dunha nacionalidade, nós nomeámonos de hoxe e para sempre, nacionalistas galegos”, ligándoa a toda unha alternativa onde se demanda a creación dun poder galego no plano executivo, lexislativo e xudicial, a posta en marcha dunha federación de nacións ibéricas coa participación de Portugal, a soberanía fiscal do país e articulación dun réxime de concerto, o recoñecemento internacional de Galiza e a súa incorporación na Liga das Nacións proposta por Wilson e o recoñecemento da oficialidade do galego.

Unha proposta avanzada

A proposta programática aprobada polos nacionalistas situábase nas posicións sociais máis avanzadas. A igualdade civil e política para as mulleres, a defensa dos dereitos sociais e económicos das clases populares, con especial atención aos labregos a aos asalariados, a elección dos cargos públicos por sufraxio universal atendendo a criterios de proporcionalidade, a supresión das deputacións provinciais e un modelo de articulación territorial que parta do recoñecemento da parroquia ou mesmo unha alternativa de ordenación urbanística, están presentes nos relatorios referendados en Lugo. A alternativa nacionalista significaba no plano político unha impugnación de orientación democrática radical ao sistema vixente no Estado español desde mediados do século XIX, concretada na altura no réxime da I Restauración e no plano económico unha proposta reformista, dirixida a mellorar as condicións de vida das maiorías sociais en coherencia coas propostas do movemento popular de onde procedían unha parte dos cadros.

Os asembleístas presentes na cidade das murallas sancionaron un novo modelo organizativo que significaba na práctica a construción dunha nova organización política. A proposta estatutaria finalmente aprobada coincidía co regulamento interno aprobado pola Irmandade da Fala da Coruña uns meses antes e que xa fora ratificado por varias agrupacións locais, fixaba unhas normas de funcionamento interno, determinaba un réxime disciplinario común e sentaba as bases dunha dirección centralizada para todo o país. O relatorio organizativo acordado polos delegados presentes estruturaba as irmandades en diversas seccións internas, concretamente a de “cultura e fala”, centrada na loita ideolóxica; a “agraria”, orientada a actuación no movemento agrarista; a “económica e de estudos sociais”, pensada para a concreción das propostas programáticas, e a “política”, destinada á acción social e institucional e ao labor proselitista. O aspecto máis relevante vai ser a definición dos criterios de conformación dos organismos de dirección nacional cuxo función será esencialmente de coordinación e cuxas competencias estarán limitadas pola ampla autonomía das que aínda gozaban as agrupacións locais.

Estamos diante da declaración doutrinal máis decisiva da historia do nacionalismo galego nos últimos cen anos. A influencia do manifesto aprobado en Lugo na asemblea do 17 e 18 novembro de 1918 será a folla de ruta do movemento patriótico con anterioridade a 1936, chegando o seu pouso aos nosos días, onde unha parte central dos seus contidos forma parte do seu acerbo ideolóxico. Alén das consideracións de orde estratéxica ou programática dos relatorios da I Asemblea Nacionalista que seguen informando na práctica actual deste movemento, o manifesto de 1918 alerta da necesidade de recuperar, divulgar e poñer en valor o edificio teórico que ergueu o nacionalismo no seu actuar.

Podes ler o Manifesto de Lugo nesta ligazón.

[Esta información foi publicada no número 322 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios