1.750 hectáreas calcinadas polos incendios no Barbanza

Serra do Barbanza en chamas na pasada noite. (Foto: @AT_Brif)

O incendio que asola a comarca do Barbanza desde onte continúa descontrolado. As principais incidencias rexístranse agora nos concellos de Porto do Son e A Pobra. Os membros das brigadas forestais da Xunta da Galiza  agardan unha “noite dura”.

 

O vento e a alta concentración de eucaliptos e piñeiros favorecen a expansión do lume na comarca da Barbanza. Se na noite de onte e na maña de hoxe o principal risco localizábase en Ribeira, nesta tarde a preocupación do operativo de extinción trasladábase as parroquias da Carballosa en Porto do Son e de Santo Isidro na Pobra.

O Goberno galego recoñeceu na súa última comunicación que a superficie calcinada desde a pasada cuarta feira, cando prendeu o lume na parroquia boirense de Curés, é  de 1.750 hectáreas.

Os axentes forestais da Xunta da Galiza consultados por Nós Diario recoñecen que os medios chegaron tarde e non son suficientes. A este respecto, afirman que a multitude de lumes en todo o país impide poder concentrar os equipos nun punto, o que dificulta os traballos de extinción.

Os equipos de extinción están a ser axudados no combate contra o lume en todos os focos operativos pola veciñanza dos lugares afectados. Neste sentido, unha parte i deles puxeron a disposición do operativo tractores con cisternas e outros colaboran na loita contra as lapas con apaga lumes de elaboración caseira.

As fontes da Consellaría de Medio Rural consultadas por Nos Diario agardan que “o vento amaine nas próximas horas e se poida ir estabilizando” o incendio mais “non descartan que haxa imprevistos porque nestes días o forte vento e a continuidade inmensa de especies pirófitas fixeron imposíbel controlalo”.

O incendio que golpea o monte da Fracha, con especial incidencia nos concellos de Pontevedra e Ponte Caldelas, suma máis de 300 hectáreas queimadas. Neste caso, o principal perigo concéntrase parroquia de Xuntáns, en Ponte Caldelas, e no núcleo da Canicouva, en Pontevedra.

A Consellaría de Medio Rural sinalou que continúan, tamén, activos o incendio de Caldas de Reis, Arbo e na Mezquita.