17 de novembro: mobilización nacional contra o repagamento dos fármacos

[Imaxes: S.X.]

Foi a decisión adoptada este sábado na asemblea realizada en Riotorto, onde tamén se convocaron para o 8 de novembro protestos diante de todos os hospitais da Galiza.


Protestos diante de todos os hospitais da Galiza para o 8 de novembro e, nove días despois, unha mobilización nacional en Compostela. Son as accións contra o repagamento dos medicamentos que se acordaron este sábado na asemblea nacional realizada na Casa da Cultura de Riotorto e que foi convocada a instancias deste concello.

Representantes de máis de 150 concellos e colectivos xuntáronse para exixir que a Xunta non aplique esta medida a doentes crónic@s e o derrogamento por parte do Goberno español da resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia.

Contra o que consideran ''un imposto á enfermidade''

Sindicatos, forzas políticas, concellos --entre outros, San Sadurniño, Allariz, Monforte e Ribadeo--, colectivos veciñais, organizacións culturais, deportivas, feministas, de emigrantes retornad@s, estafad@s polas preferentes...

Tod@s acordaron asinar un manifesto en que se recollen as principais reivindicacións, un texto en que sinalan que facer pagar a doentes crónic@s polos medicamentos, medida que cualifican de "imposto á enfermidade", sobarda "todas as liñas vermellas".

O alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa (BNG), foi o primeiro en se declarar insubmiso fronte a esta norma, afirmando que o repagamento dos fármacos sairía das arcas municipais. Del partiu tamén a iniciativa de realizar esta asembleia nacional que serviu, segundo dixo, "para dar arranque a unha batalla social que non ten outro obxectivo máis que o de garantir a gratuidade da sanidade".