16N: greve no ensino contra as políticas de afogamento do ensino público galego

 A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público trasladou o seu apoio á convocatoria de paro realizada por Erguer. para o vindeiro 16.

Erguer convocou para o 16 de novembro –quinta feira de vindeira semana- unha greve no ensino secundario e superior para facer fronte a Lomce, recortes educativos e defender un sistema de ensino público galego. O portavoz da Plataforma galega en defensa do ensino público (PGDEP), Suso Bermello, incidiu na parálise de todo o relacionado coa Lomce que se vive a nivel estatal desde o inicio da lexislatura. "O goberno do PP está aproveitando a conxuntura para implantar a Lomce de facto e conta cunha oposición en Madrid que incumpre os seus compromisos e non é quen de impedir que a modificación da lei permaneza atascada nunha subcomisión do Congreso”.

 

Para Bermello, fica fóra de toda dúbida que, "o goberno do PP non fai máis que demostrar que a educación ten prioridade cero nos seus plans e que pretende ir implantando esta lei coa mesma unilateralidade e autoritarismo que caracterizou toda a tramitación da Lomce".

 

Iria Figueroa de Erguer, incide en a convocatoria de greve vai máis aló de estar centrada só na Lomce ou no Decreto do 3+2 nas Universidades. “Os sucesivos recortes e o desprezo cara a toda a comunidade educativa que viñeron realizando os gobernos da Xunta e de Madrid no ensino galego nos últimos anos tamén están enriba da mesa como causas deste paro estudantil”.

 

Así, sinalan a redución das bolsas e das axudas ao estudo, a masificación das aulas, a ausencia de profesorado especialista nalgunhas materias ou a non oferta doutras por falta de efectivos (por causa de todo o que ten que ver coas afíns e coa non convocatoria de amplas ofertas de emprego que cubriran cando menos as xubilacións), a alta taxa de interinidade na docencia que leva a que non existan cadros estábeis nos centros que permitan a posta en marcha de plans de mellora da calidade do ensino, son outras das realidades ás que se enfronta cada día o estudantado galego.

 

A greve servirá tamén para defender un marco legal propio a nivel galego en forma de Lei Galega de Educación. A voceira de Erguer explicou que a comezos de curso fixeron asembleas abertas en 70 centros públicos galegos para artellar propostas que se puideran incluír nesta norma e que o pasado 16 de outubro celebraron un referendo, obtendo un 94% de apoio a ditas propostas.

 

Manifestacións o día 16, ás 12 horas

 Ferrol. Edificio da Xunta.

A Coruña. Praza de Vigo.

Santiago de Compostela. Alameda.

Melide. IES de Melide.

Pontevedra. Praza da Peregrina.

Vigo. Praza América

Ourense. Subdelegación do Goberno.

Lugo. Praza do Seminario

Tamén haberá concentracións, ás 12 horas, en:

Lalín. Praza da Igrexa.

Vilagarcía. Praza de Galiza.

Cangas. Praza do Concello.

Moaña. Praza do Concello