Educación

A Xunta dá 165.000 euros aos colexios privados concertados para participar nun programa de inmersión lingüística

A actividade está destinada a alumnado de 6º Primaria e os catro cursos da ESO de colexios concertados. (Foto: Nós Diario)
A 'Spring Week' consiste en semanas de inmersión lingüística nas que os alumnos e alumnas permanecerán en réxime de internado en centros privados concertados sostidos con fondos públicos.

A Consellaría de Educación aprobou o pasado 29 de xaneiro unha nova liña de axudas a centros de ensino privados con concerto coa Administración pública para financiar, cunha partida total de 165.600 euros, a organización nestes colexios de semanas de inmersión lingüística en lingua inglesa, perante o programa denominado Spring Week, durante o presente curso escolar 2023-24.

A orde, publicada esta quinta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG), estabelece as normas dunha convocatoria que pretende axudar as e os estudantes destes centros a alcanzar unhas competencias en inglés que lles permitan "desenvolverse nunha contorna real", así como o "fomento da convivencia" e o "respecto polas diferenzas individuais".

A metodoloxía será "activa, lúdica e cooperativa", e "promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sustentabilidade e o coñecemento da contorna, segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sostíbel da Axenda 2030", apunta a resolución do DOG.

Enfocada a 6º de Primaria e os catro cursos de Secundaria, a Spring Week consiste en semanas de inmersión lingüística nas que os alumnos e alumnas permanecerán en réxime de internado en centros privados concertados sostidos con fondos públicos.

De domingo a sábado e cun máximo de 25 estudantes por centro, levarán a cabo exclusivamente en inglés as tarefas lectivas e distintas actividades. Os cursos inmersivos desenvolveranse durante os meses de maio e xuño.