1.187 vítimas da violencia machista rexistradas na Galiza en 2020

Imaxe de arquivo dunha manifestación contra a violencia machista (Foto Europa Press)

Galiza contabilizou en 2020 un total de 1.594 persoas rexistradas no Rexistro central para a protección das vítimas da violencia doméstica e de xénero, das cales 90,7% eran mulleres.

Así o evidencia a estatística sobre violencia de xénero e doméstica publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que apunta que este tipo de vítimas no seu conxunto diminuíron un 7,7% en 2020 con respecto ao ano anterior, ao pasar de 1.727 a 1.594.

Do total, 1.187 mulleres inscritas como vítimas de violencia de xénero neste rexistro, mentres que as vítimas de violencia doméstica contabilizaron 407. Destas últimas, 259 eran mulleres e 148 homes.

Con iso, a estatística pon de relevancia que as vítimas de violencia de xénero inscritas neste rexistro diminuíron un 12,5% entre 2019 e 2020. Con todo, a violencia doméstica incrementou, un 7,2% no caso dos homes e un 11,2% no das mulleres.

Tal e como lembra o INE, enténdese por violencia de xénero todo acto de violencia física ou psicolóxica que se exerza contra unha muller por parte dun home que sexa ou fose o seu cónxuxe ou a súa parella sentimental, aínda sen convivencia. Así pois, aqueles actos de violencia contra unha muller por un home que non sexa 'cónxuxe' ou 'parella' non aparecen neste rexistro.

A violencia doméstica, pola súa banda, inclúe os actos de violencia física ou psicolóxica exercidos tanto por un home como por unha muller en relación a descendentes,  ascendentes, cónxuxes ou irmáns, fóra dos casos específicos de violencia de xénero.

Durante o ano pasado os xulgados galegos recibiron 6.097 denuncias por violencia de xénero. Esta cifra supón un 7% menos que no ano anterior, cando se presentaron 6.551, consecuencia do confinamento, xa que foron eses meses nos que menos denuncias se puxeron, a pesar de que os xulgados especializados en violencia sobre a muller foron considerados actividade esencial e seguiron funcionando.