159 casos positivos de coronavirus na Galiza

(Foto: Europa Press)
O total sitúase en 4.297.

Galiza detectou outros 159 positivos por Covid-19 após rexistrar 210 novas altas de pacientes, o que sitúa os casos activos en 4.297, que volven baixar -56 menos-.

Segundo os datos actualizados esta terza feira pola Consellaría de Sanidade, os casos activos baixaron en todas as áreas sanitarias agás na de Ourense, onde experimentaron un incremento de 13 até os 756.

Mentres, na área sanitaria da Coruña descenderon en 22 con respecto á segunda feira até situarse nos 977; na de Lugo caeron até os 539 -13 menos-; na de Pontevedra, a 793 -18 menos-; na de Santiago a 572 -11 menos-; na de Vigo a 510 -dúas menos-; e na de Ferrol baixaron a 150 -tres menos-.

En canto aos pacientes curados na Galiza aumentaron a 18.744, o que supón 210 máis que os rexistrados na xornada de onte. Ademais, até a data na Galiza faleceron 736 persoas con Covid-19, as últimas cinco vítimas foron notificadas na tarde desta segunda feira.

Ademais, Galiza incrementou as PCR realizadas até as 474.033 esta terza feira con respecto ás 469.694 rexistradas até a segunda, segundo os datos de Sanidade.