Os profesionais galegos do sector pulan pola creación e regulación dun grao en Arqueoloxía en Galiza

157 arqueólogos firman un manifesto, asinado por traballadores do sector privado e público. Reclaman a regulación por parte da administración dunha titulación universitaria específica para exercer a profesión e evitar o intrusismo laboral.“Desde un punto de vista económico é asumíbel que se acade un grao de Arqueoloxía no país, ao igual que sucede en Cataluña, Madrid ou Granada”, dinos Israel Picón, presidente da Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA).

 

O documento, asinado por máis de 150  arqueólogos e dous colectivos profesionais (empresa de arqueoloxía AEGA e traballadores de ATAGA), solicita para o ano 2021 a creación dun grao en Arqueoloxía nas universidades galegas. Para o colectivo, a necesidade de definir as titulacións e os requisitos que se deben cumprir para exercer a profesión é cada vez máis urxente e responde en primeiro lugar a unha cuestión meramente xurídica: “A responsabilidade derivada dun exercicio profesional; chamarse arqueólogo ou arqueóloga, desde un punto de vista normativo, ten maior transcendencia e alcance xurídico, económico e social”.

 

Actuacións como a valoración de danos sobre un xacemento arqueolóxico ou a valoración económica sobre obxectos e xacementos arqueolóxicos de cara á esixencia de indemnizacións levan consigo unha importante responsabilidade desde o punto de vista legal. Para os traballadores do sector, “as responsabilidades científicas e xurídicas de exercer a profesión son de suficiente calado como para que se deba ir ordenando”.

 

Singular e diferenciábel

 

Ademais disto, o patrimonio arqueolóxico galego é singular e diferenciable doutros ámbitos culturais peninsulares e europeos, e por tanto, ten unha importancia esencial na configuración da identidade. Para Israel Picón, presidente da Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA), “o noroeste peninsular é un sitio idóneo para poder estudiar o grado en arqueoloxía. Podería abranguer a toda a comunidade galega, Asturias, noroeste de Castela e incluso norte de Portugal”. “Desde un punto de vista económico é asumíbel que se acade un grao de arqueoloxía no país, ao igual que sucede en Cataluña, Madrid ou Granada”. O escrito non só solitica a creación dunha titulación específica e dos requisitos que se deben cumprir para exercer a profesión, senón tamén o recoñecemento profesional por parte dos órganos adecuados da Xunta e do Estado.

“Afortunadamente o apoio do manifesto é masivo. Tanto Administración -moitos dos asinantes son funcionarios da Xunta-, coma autónomos, traballadores asalariados, profesores universitarios, investigadores pre e post doctorais…”.

Resulta habitual que moitos medios de comunicación se refiran a determinadas manifestacións ou denuncias feitas por “arqueólogos”, que non teñen a titulación nin están recoñecidos como tal polo mundo académico. Até o ano 2014, a Xunta recoñecía na Escala de Arqueólogos (dentro do Corpo Facultativo Superior da Xunta) a aqueles que tras superar unha oposición específica, presentaran unha titulación de licenciado en Xeografía e Historia -ou só Historia-, coa especialidade en Prehistoria e Arqueoloxía.

 

No ano 2014, por mor da indefinición das titulacións das universidades galegas coa implantación do Plan Bolonia (que elimina as especialidades nas titulacións de grao), as bases da convocatoria sinalaban como requerimento a licenciatura ou grao en Historia, Historia da Arte, Antropoloxía e Humanidades. Desta forma non se recoñecía a titulación específica que si existía en outras universidades españolas así como nas da veciña Portugal. Protestada pola totalidade dos arqueólogos da Xunta, a convocatoria permitía acceder a esta escala a estudantes sen ningunha homologación ao grao de arqueoloxía durante a súa formación.


“A arqueoloxía non só é escavar nun castro

A falla dunha titulación de Arqueoloxía na Galiza é un problema desde o punto de vista da investigación. Os xacementos arqueolóxicos galegos e do Noroeste peninsular foron na Pre e Protohistoria, singulares e distintos a respeito dos existentes na meseta española ou no Levante e Sur peninsulares.  Para a comunidade arqueolóxica a especificidade da materia require dunha formación especial, vinculada ao territorio. Do contrario, a historia e identidade da nosa terra podería resentirse.

 

A respeito da implicación da Xunta en proxectos arqueolóxicos públicos de peso, Israel Picón lamenta que non haxa tantos “como debería”, mais “é certo que ultimamente nas obras que licita a Xunta como promotora, ademais de autorizar ás veces tamén promove. Por exemplo nun concurso público que sacou a Xunta para o castelo de Xinzo de Limia, ademais de autorizar a Citania promoveu a obra. Desde fai uns anos, obrigannos a facer traballos de divulgación na comunidade local, cousa que veo con moi bos ollos. Difundir e diseminar o coñecemento. Poderíanse facer moitas máis cousas pero é unha cousa recoñecible”, explica o arqueólogo.

 

O futuro decreto que regule a actividade arqueolóxica debe adaptarse á realidade social e económica da Galiza na actualidade. Para Picón o obxectivo debe ser sempre "un fin social, xerar coñecemento e difundilo". Unha excavación arqueolóxica non é repetíbel; todo o que non foi rexistrado queda destruído. “Afortunadamente o apoio do manifesto é masivo. Tanto administración -moitos dos asinantes son funcionarios da Xunta-, coma autónomos, traballadores asalariados, profesores universitarios, investigadores pre e post doctorais…”. “A arqueoloxía non só é escavar nun castro. A mesma labor ten o que está escavando en Baroña que o que traballa en arqueoloxía urbana. O método é similar e a responsabilidade igual ou maior no caso do arqueólogo que está a traballar nas aguas fecais do urbano”.