A pobreza enerxética total afecta a máis de 340.514 residentes na Galiza

151.933 familias galegas pasaron frío en 2020

A pobreza enerxética afecta de xeito moi particular ás persoas maiores de 65 anos. (Foto: Europa Press).

A pandemia está afectando negativamente á pobreza enerxética. Segundo destaca o Ministerio de Transición Enerxética no informe de actualización dos indicadores de pobreza enerxética, presentado en decembro pasado, a análise realizada reflicte o impacto negativo que a pandemia da Covid-19 tivo neste ámbito, en particular, "a través dos indicadores relativos á temperatura do fogar e ao atraso do pago de facturas”.

“O confinamento decretado en marzo de 2020 e, como consecuencia do anterior, a redución de toda a actividade económica, afectou indiscutibelmente a este colectivo integrado por persoas en situación de vulnerabilidade que sofren pobreza enerxética, ao verse agravada a súa situación pola imposibilidade de buscar ou manter o seu traballo”, sinala o relatorio do Goberno do Estado, que advirte que “as familias afectadas necesitaron destinar unha maior proporción dos seus ingresos á cobertura dos seus consumos enerxéticos”.

A Estratexia Nacional de Pobreza Enerxética (ENPE) do Goberno español, conforme aos criterios fixado polo Observatorio Europeo de Pobreza Enerxética (EPOV), atende a catro indicadores para determinar os niveis de pobreza enerxética.

Neste sentido, fai seguimento ao denominado gasto enerxético desproporcionado, á pobreza enerxética agochada, á temperatura do fogar e ao atraso no pagamento de facturas da luz.

O gasto enerxético desproporcionado mide a porcentaxe de renda que cada familia destina  á enerxía por riba do dobre da media estatal. No caso galego representa 13,86% dos fogares, 151.933 familias e 340.514 persoas unha proporción por baixo do total do Estado.

A pobreza enerxética agochada afecta 141.881 fogares galegos

O indicador, común ao da totalidade dos Estados da Unión Europea, rexistra a porcentaxe de unidades familiares cuxo gasto enerxético é inferior á metade da media estatal e por conseguinte os seus consumos non cumpren co mínimo exixido para manter un nivel de confort básico.

O número de familias cunha temperatura non axeitada na súa vivenda non deixa de medrar nos últimos anos. Se en 2018 afectaba 4,8% do total da poboación galega e en 2019 a 6%, en 2020 sitúase en 9,6%, duplicándose a porcentaxe nestes dous anos, até sumar na pasada anualidade arredor de 258.335 persoas.  

Aliás, 5% da poboación galega tense atrasado en 2020 no pagamento das facturas de subministración eléctrico. Neste indicador de análise da pobreza enerxética produciuse un importante incremento porcentual desde 2018, aumentando 3,2 puntos nos dous últimos anos. Aínda así, a Galiza presenta uns mellores datos que a media estatal, onde 9,6% do total non foi quen de atender o pagamento en tempo.

A práctica totalidade dos datos achegados para 2021 avanzan un empeoramento da situación. Ás derivadas sociais e económicas da pandemia débese sumar o impacto da suba da luz, que ten obrigado moitos cidadáns galegos a reducir os seus consumos eléctricos e ten provocado un aumento destacado da inflación.