'Sitio Distinto', o documentario de Davide Cabaleiro

150 anos de migración galega a Euskal Herria

Sitio Distinto é un filme documental. É un ensaio de investigación histórica sobre a migración galega en Euskadi e os lazos fraternais entre ambas as dúas culturas. Dirixido por Davide Cabaleiro e producido por Zirriborro e Pixel Films, repasa os vínculos formados ao longo de 150 anos de migracións. “Tentamos poñer en valor a migración galega no País Vasco a nivel traballo, a nivel social e a nivel cultural”, explica.

O documental narra a realidade galega en Euskadi dende o cotián da xente do común. Milleiros de vidas que atoparon a 700 kilómetros da súa casa unha cultura aberta e compartida: “Imaxina que chegas a outra terra a máis de 700 quilómetros da túa casa. Imaxina que, camiñando pola túa nova vila, che dá a sensación de que estás na casa. Escoitas falar o teu idioma, aquel que deixaches atrás, e ves que aquí, nesta nova terra, tamén é parte da cultura. Imaxina que a túa identidade existe aquí, que non se ten perdido”.

 

Para Cabaleiro, esa realidade “moitas veces non se coñece”. “Hai proxectos de emigrantes que marcharon para fóra, pero nunca se falou deles de modo colectivo, dun fenómeno migracional a outro sitio e tamén, desde ese sitio: mirando desde un tercer punto de vista”. Diso vai Sitio Distinto.

 

Alén da chiscadela á canción de Os Resentidos, o nome de Sitio Distinto fala de como os emigrantes galegos chegaron xustamente a un sitio distinto e crearon bairros que acabaron por se converteren en sitios disintos para os autóctonos. Curioso é o caso do deputado de Cultura da Deputación de Guipúscoa, Denís Itxaso: “El é un home de aquí e contaba que de pequeno, cando vivía no barrio donostiarra de Altza, era o vasco do portal”. Altza, situado na parte alta da cidade, é un bairro históricamente obreiro e, durante anos, contou cunha elevada poboación chegada de Galiza, Estremadura e Andalucía.

 

Unha terceira parte do filme relácionase, a propósito do seu título -recollido de Antón Reixa e os seus Resentidos- coa cultura. “O documental pretende tamén amosar os vínculos culturais tecidos entre ambas linguas e ambas culturas. Entre linguas pequenas e culturas pequenas pódense crear grandes lazos e grandes vínculos, sen precisar dunha lingua grande. Non é necesario pasar pola metrópole para entendernos e para crear”, afirma. Os migrantes  transportan a súa lingua e a súa cultura. “Sitio Distinto quere rachar cos tópicos de emigración galega igual a pulpo, empanada e gaita. Hai moito máis que iso”, engade. Kepa Junkera, Uxía Senlle, Isaac Xubín ou Xurxo Souto participan do filme e explican estes fíos comúns.

Aquelas persoas que abandonaban a súa terra en procura dunha vida mellor non sabían, adoito, onde se dirixían. O descoñecemento era vencido pola necesidade e pola esperanza de acharen “mellores condicións de traballo”. “Á hora de recoller testemuños”, sinala o director, “moitos contaban a súa ignorancia. Sabían de xente da súa vila en Euskadi pero nada máis, nin a cultura vasca nin a súa lingua”.


 
Davide Cabaleiro chegou a Euskadi para facer un mestrado en televisión. Pouco a pouco comezou a coñecer a realidade da migración galega no país: “Cando cheguei atopei que había moitas pontes que ían por debaixo do coñecido (centros galegos, etcétera), que tiñan cousas en común, mais que non estaban comunicados entre sí. Era necesario construír unha ponte entre todas e amosar as diferentes xeracións de emigrantes que chegaron e as súas familias”. Tamén a súa historia.


 
Os primeiros galegos e galegas arribaban a Euskadi en “condicións moi precarias” a finais do século XIX. Os homes traballaban sobre todo nas minas. A potencia industrial vasca foinos proletarizando, e os altos fornos, as súas industrias auxiliares e o mar acollían esta man de obra. “Até que o mar non comeza a despuntar, as galegas chegan para facer traballos que non quería ninguén. Pouco a pouco soben na escala. Mais non deixa de ser un pobo traballador”, argumenta, e remata: “Na actualidade non se pode falar de migración galega ao País Vasco. Existe, mais nun ratio pequeno: estudantes universitarios ou traballos moi cualificados”.

 

Crítico coa precariedade no sector audiovisual, Cabaleiro fixo fronte a “multitude de dificultades” para poñer en marcha o proxecto. “Moita xente dicía que [pese ás dificuldades] era algo que se tiña que ter feito hai anos”, acrecenta. O cineasta conclúe: “Sen dúbida, o mellor foi o afecto das persoas á hora de contar as súas historias, ás veces moi duras. É o caso de Mercedes, unha señora de perto de Vila de Cruces. Após unha viaxe de 24 horas, con 1.000 pesetas enriba e gastando 300 na viaxe, só lle quedaban 700 para comezar unha vida. Que alguén con esas vivencias se sinta homenaxeada polo documental éo todo”.

 

Fotografías (cedidas):

 

1.-A cantante Uxía, durante a rodaxe.

2.-O director de Sitio Distinto, Davide Cabaleiro.