150.000€ a dedo para que unha empresa vinculada ao Opus ensine a facer compostaxe doméstica

Edificio da Deputación

A entidade agraciada con este desembolso de diñeiro público realizado pola Deputación da Coruña (PP) é a Asociación galega de desenvolvemento social, Agades. Fundouse en maio de 2009 e o seu tesoureiro foi apoderado da Fesan.


A Deputación da Coruña asinou por valor de 150.000 euros entregados a dedo un convenio de colaboración con Agades --Asociación galega de desenvolvemento social--, unha entidade que naceu só dous meses despois de que o PP gañara as eleccións de 2009, que conta con 25 persoas socias e que non ten experiencia coñecida no eido onde desenvolverá a actividade pagada con diñeiro público: a compostaxe doméstica. Aliás, o tesoureiro da Agades foi apoderado da Fesan --Fundación de estudos e análise--, entidade vinculada ao Opus Dei e adxudicataria de tres escolas infantís.
 

Así, segundo a documentación á cal tivo acceso Sermos Galiza após unha denuncia realizada pola asociación ecoloxista Adega, o obxectivo deste convenio é desenvolver "o proxecto experimental de compostaxe doméstica" que porá en funcionamento o goberno provincial que encabeza o conservador Diego Calvo e que persegue "a promoción, difusión e implantación" desta forma de xestión dos residuos orgánicos. 

Botando man dos propios estatudos da empresa, o seu cometido é "a xestión de servizos e recursos, promoción de estudos e realización de actividades". É dicir, a subcontratación de servizos mediante subvencións e convenios coas administracións públicas. Adega quéixase de que"nada se lle coñece no eido da educación ambiental, a ecoloxía e o medio ambiente", polo que alertan dun "uso fraudulento" do diñeiro público e de "favoritismo" da Deputación cara a esta entidade. A única actividade pública rexistrada é un contrato sen publicidade --non saíu a concurso público-- asinado coa consellaría de Traballo para "asesoramento na creación de empresas" destinado á mocidade no marco do programa 'Emprende' e por valor de 40.760€.

Adega exixe que a Deputación rache o convenio. De non ser así, interporán unha denuncia perante a fiscalía anticorrupción do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Cómpre sinalar que o desembolso de diñeiro público realizado polo goberno de Diego Calvo ascende a 6.000€ por soci@ --150.000 entre 25--, un montante importante dabondo como para que a propia deputación desenvolvese o proxecto botando man do seu persoal técnico.