Colapso na sanidade

15 días de agarda para as persoas seren atendidas en atención primaria

A comisión de Centro de Primaria do CHUAC da Coruña ve "penosa" a situación dos centros de saúde. Nalgúns casos hai agardas de até 15 días para as persoas seren atendidas polas médicas de cabeceira. O SERGAS afirma que ten contratado todos os profesionais disponíbeis para cubrir as baixas por vacacións dos titulares das prazas.

"Hai facultativos de vacacións coas axendas bloqueadas, é dicir, os seus doentes non teñen citá até despois dunha ou de dúas semanas", afirma a presidenta da comisión, María Teresa Macías.

As e os traballadores denuncian o colapso do sistema e atribúeno á falta de efectivos humanos, isto é, á política de contratación do SERGAS. O instituto público di que contratou todos os profesionais disponíbeis para cubriren as baixas por ferias. Se non hai máis é porque as condicións contractuais que se ofertan son moi precarias, replican desde a comisión.

Ao estar así a atención primaria, moitas persoas doentes optan por iren aos Puntos de Atención Continuada (PAC) ou directamente aos servizos de urxencia hospitalarios, o que incrementa a saturación do sistema.

Solucións? Para as e os traballadores, pasan por que as profesionais que se achan nas listas de substitucións podan ter "vínculos estábeis", e non precarios, co SERGAS.