15 antidisturbios para desafiuzar unha muller e o seu fillo de catro anos

A Policía española presentouse esta quinta á primeira hora na vivenda de Yolanda García, en Ferrol, para executar o desaloxo que na véspera impediran @s veciñ@s. Segundo a muller, botaron a porta abaixo e déronlle o tempo suficiente para coller a documentación persoal

Até 15 axentes da Policía española foron os que esta quinta feira pola mañá executaron o desafiuzamento de Yolanda García, a muller de Ferrol que vive co seu fillo de 4 anos no barrio do Esteiro nunha vivenda que xa quixeron desaloxar na cuarta. Foron a propia veciñanza, convocada a unha concentración pola asociación Fuco Buxán, quen impediu que ficase sen casa.

Mais a prórroga durou pouco. Segundo explicou a muller a varios medios de comunicación, os axentes presentáronse no inmóbel a primeira hora da mañá, botaron a porta abaixo e déronlle o tempo xusto para coller a documentación persoal e abandonar a vivenda, despois de impedir que se atase ao balcón cunhas cadeas.

Yolanda García está á espera de cobrar unha renda social que lle foi concedida, e de momento os seus ingresos limítanse a 250 euros pola manutención do fillo. Fuco Buxán chamou á concentración da cuarta coa idea de gañar tempo na procura dun aloxamento alternativo ou dunha vivenda social, o mesmo que esta mañá negociaron no concello @s representantes de BNG e Esquerda Unida.