En 15 anos a poboación da Galiza caerá un 6,6% e a media de idade será de 51,7 anos

As estimacións do IGE tamén recollen o índice de envellecemento.

Galiza reducirá un 6,6% a súa poboación en 15 anos de acordo coas 'Proxeccións de poboación a curto prazo. 2020-2035' que publica esta sexta feira o Instituto Galego de Estatística (IGE).

A diminución de 6,6% da poboación galega en 15 anos explícase "maioritariamente" polo saldo vexetativo negativo no período, cunha diferenza "cada vez máis ampla" entre nacementos e defuncións.

Así, se en 2020 o saldo vexetativo se sitúa en -17.316 persoas, en 2034 proxéctase en -20.324. O IGE destaca a diferente evolución de ambas as variábeis: o número de nacementos continuará nunha senda descendente, mentres que o número de defuncións aumenta de forma continuada durante todo o período da proxección.

Con todo, advirte de que o saldo migratorio na Galiza presentaría signo positivo e alcanza o seu valor máximo no ano 2034, con 10.971 persoas.

Por áreas (agrupación de comarcas), as que presentan unha maior diminución até 2035 son as da Coruña suroriental cunha diminución do 18%, a de Ourense sur, cun retroceso do 17,3%, e a Costa da Morte, cun descenso do 16,8%.

Segundo estas estimacións, varias comarcas perderían ao redor dunha cuarta parte da súa poboación no próximos quince anos: Terra de Caldelas, A Fonsagrada, Ortegal, Terra de Trives e Terra de Soneira, con diminucións no período 2020-2035 superiores ao 25%.

Por outra banda, as únicas comarcas que non perden poboación no período considerado serían as da Coruña, cun incremento do 3,1%, e Santiago, cun aumento do 1,2%.

Para o período de proxección considerado, 2020-2034, o IGE estima 201.308 nacementos e 490.892 defuncións na Galiza, o que daría lugar a un saldo vexetativo negativo de -111.326 persoas.

Por áreas, todas elas presentarían un saldo vexetativo negativo no período de proxección.

Con todo, nos próximos anos prevese un aumento do índice sintético de fecundidade na Galiza, que pasaría de 1,02 en 2020 a 1,11 fillos por muller en 2034.

Idade media

A idade media da poboación de Galiza sitúase nos 47,5 anos. O seu valor increméntase ano tras ano e o IGE espera que en 2035 se sitúe nos 51,7.

A partir da información por grupos de idade pódense obter indicadores proxectados como, por exemplo, o índice de envellecemento (relación entre a poboación de 65 e máis anos con respecto á poboación menor de 20 anos) que, de seguir as tendencias actuais, reflectiría un maior envellecemento de zonas xa envellecidas na actualidade. Só se reduciría o envellecemento a área de Lugo sur.