15% de adolescentes presenta síntomas graves de depresión, segundo un estudo

O estudo realizado pola USC xunto con Unicef foi coordinado polo profesor de da Facultade Psicoloxía Antonio Rial Boubeta. (Foto: Santi Alvite)
40.000 menores de idade foron enquisados nunha análise da USC.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaborou co Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) na realización dun estudo sobre o impacto da tecnoloxía na adolescencia. Este informe aplicou escalas validadas internacionalmente para a análise do benestar emocional e o risco de depresión. Cunha mostra de máis de 40.000 adolescentes entre os 11 e os 18 anos, a investigación constatou que 15% de adolescentes presenta síntomas graves ou moderadamente graves de depresión.

Ademais, a taxa de ideación suicida (tendencias ao suicidio) sitúase en 10,8%, o que evidencia "a necesidade de definir políticas públicas que actúen neste eido", sinalan os responsábeis do estudo, que foi coordinado polo profesor da Facultade de Psicoloxía da USC Antonio Rial Boubeta.

"É significativo observar as diferenzas e fendas entre os distintos grupos de adolescentes enquisados, o que nos permite unha aproximación a factores sociais que inciden no benestar emocional da adolescencia”, apunta o estudo. Centrándose en quen presenta síntomas graves ou moderadamente graves de depresión, a análise demostra que é superior no caso das mozas (21,8%) que no dos mozos (7,7%); e o dato multiplícase por tres no caso daquelas persoas que non se identifican nin como mozos nin como mozas, alcanzado 46,5%.

Os factores da idade e da orientación sexual

No caso da idade, os síntomas de depresión increméntanse entre as de maior idade (18,7% no rango de 16-18 anos fronte ao 12,6% no de 11-13 anos). En función da orientación sexual, tamén hai fendas significativas: no caso de quen se identifica como totalmente heterosexual, está cinco puntos por baixo da media (sendo do 9,8%) e no caso de quen se identifica con orientacións sexuais non heterosexuais, a taxa media multiplícase case por tres (44,6% no caso de bisexuais e 39,7% no caso de homosexuais). Alén do máis, cabe destacar que os mozos e mozas que viven en centros de protección duplican a media con respecto a síntomas de depresión graves ou moderadamente graves, sendo no seu caso de 32%.

A saúde mental na Eurocámara

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu esta terza feira no pleno do Parlamento europeo a necesidade de incrementar os recursos destinados á saúde mental e subliñou a importancia de que se produza un debate na Eurocámara sobre a cuestión "como paso fundamental na loita contra o illamento, o suicidio, a estigmatización, a discriminación, os estereotipos, as carencias materiais e afectivas e a pobreza".

Galiza, denunciou, "está á cola do Estado español na dotación de profesionais especialistas de saúde mental, de forma que os profesionais existentes representan o 68% do preciso en psiquiatría", e "o 50% do de psicoloxía". Ademais, puxo de manifesto que "na sanidade pública galega tampouco hai unha unidade de prevención do suicidio por área sanitaria, carencia moi preocupante xa que en Galiza un total de 331 persoas faleceron por suicidio en 2021".