‘SALVEMOS A FRACHA’

15.000 sinaturas piden a Fomento a paralización da construción da A57

Consideran un ‘despilfarro’ sen sentido o investimento nesta autovía. Advirten que a obra ten un grande impacto ambiental e social, así como sobre sectores como o hortícola e agrícola.

 

Máis de 15.000 persoas asinaron en apenas un mes a petición realizada por 'Salvemos a Fracha' a través da plataforma Change.org para pedir ao Ministerio de Fomento que pare a construción da autovía A-57 en Pontevedra, unha actuación que consideran “un novo despilfarro sen sentido”.

'Salvemos a Fracha' cualifica a obra de capricho político. Acompañan a petición dunha carta dirixida á ministra de Fomento, Ana Pastor, pedíndolle que paralice este proxecto e destine os fondos previstos para este á liberalización da autoestrada AP-9.

O colectivo denuncia que a ministra, veciña de Pontevedra, “quere agasallar á súa provincia unha autovía de 64 quilómetros que custarán máis de 1.000 millóns de euros, A-57, que se vende como a alternativa gratuíta á AP-9, pero o que non di o Ministerio é o seu custo social e ambiental”.

Impacto

A nova infraestrutura, afirman, dividirá en dous pobos como o de Pintos, en Marcón, “onde os veciños se encontrarán con noiros de ata 60 metros -o equivalente a un edificio de 17 pisos- que lle impedirán comunicarse coa casa situada xusto en fronte”. Destruiranse, aseguran, decenas de traídas de auga e acuíferos usados polos cidadáns tanto para consumo domésticos como para as súas hortas e labores agrícolas.

Esta nova obra provocará, afirman, ademais un grave impacto ambiental e paisaxístico na Serra da Fracha, “un monte con vistas realmente únicas ás Rías Baixas e con especies protexidas como a píntega rabilarga (Chioglossa lusitánica), o anfibio ibérico máis ameazado, e a Succisa pinnafitida, planta incluída no catálogo de especies en perigo de extinción a nivel peninsular”.