140 voces da sociedade galega para alargar a solidariedade con Chema Naia

Chema Naia (Foto: Nós Diario).

Sindicalistas, escritores, músicos, deputados no Parlamento e Congreso... 140 voces impulsan un manifesto en apoio ao mozo que vai ser xulgado en decembro por atentado contra a autoridade no despexo do Escárnio e Maldizer.

Chema Naia foi unha das centos de persoas que o 30 de maio de 2017 participaron en Compostela nas mobilizacións contra o desaloxo do CSOA Escárnio e Maldizer.

Unhas mobilizacións interrumpidas por unha carga policial na zona vella da capital galega que acabou con Chema Naia inconsciente no chan apos un ‘porrazo’ na cabeza por parte dun axente antidisturbios, segundo denunciou o propio mozo, que agora, o 20 de decembro, se enfronta a un xuízo por “atentado contra a autoridade”.

140 voces da sociedade galega impulsan un manifesto chamando as mobilizacións dos días 11 e 20 de decembro solicitando a absolución para Chema. O documento está aberto a novos apoios: “Por tras de Chema estamos moitas máis. Contra a represión, damos unha resposta social e política: impulsamos de forma mancomunada dúas mobilizacións para solicitar a total absolución de Chema e facemos un chamamento á sociedade e aos medios de comunicación para que ecoen este caso e o denuncien a todos os niveis”, sinálase no manifesto.

As persoas asinantes mostran a súa solidariedade con Chema Naia, para o que piden a súa absolución.

Entre os asinantes do manifesto hai centros sociais, sindicalistas, sanitarios, escritores, músicos, desempregados, xornalistas, estudantes, traballadores da hostalaría e mesmo deputadas no Parlamento galego e no Congreso.

As persoas asinantes mostran a súa solidariedade con Chema Naia, para o que piden a súa absolución.

"Intentaron montar este relato para ocultar a brutalidade daquel día"

Nunha entrevista en Nós Diario, Naia manifestaba que “intentaron montar ese relato para non recoñecer a brutalidade policial daquel día, cunhas 50 persoas feridas, algunhas de gravidade”.

“A Fiscalía dixo que un mozo de apenas 60 quilogramos de peso fora capaz de reducir dous antidisturbios. Non teñen probas, é a súa palabra contra a miña, mais xa sabemos que a súa presunción de veracidade está por riba da miña presunción de inocencia”, indicaba.