14 familias seguen en pé de loita contra o Concello da Coruña, que as quere botar da casa

Malia lles prohibir as concentracións e as manifestacións, a veciñanza protestará de novo esta sexta feira ás 14.00h. Reclaman unha solución "urxente" ao alcalde Negreira, o mesmo que solicitou, conseguiu e está pendente de executar as ordes de despezo forzoso destas familias, a maioría de avanzada idade. Por que? Para beneficiar grandes construtoras como a do presidente da patronal galega


Reclámanlle unha solución "urxente" á mesma persoa que as quere botar da casa: o alcalde da Coruña. Son as 14 familias de idade avanzada que habitan no barrio de Eirís-Galán desde hai anos os terreos onde está proxectada a construción do Parque Ofimático, máis unha pelotada urbanística na cidade herculina que desta volta beneficia os intereses do xefe da patronal galega, Antonio Fontenla. 

O conflito empezou hai máis de vinte anos e segue sen se solucionar. As familias denuncian a inminente chegada do seu despexo "sen ningunha solución, para alén dos parches políticos ofertados polo responsábel de Urbanismo, Fernández Prado, e polo alcalde".

Foi o propio rexedor quen solicitou, conseguiu e ten agora pendente de execución o lanzamento forzoso dest@s veciñ@s sen lles ofrecer ningunha alternativa máis aló de tentativas de que os ánimos amainen e co único obxectivo de beneficiar as grandes construtoras, coma a de Antonio Fontenla.

Quedarán sen casa e deberán cartos ao Concello

Sermos Galiza xa se interesou pola situación destas familias en dúas amplas reportaxes. Falamos con Manuel quen, con máis de 80 anos, leva a metade morando na mesma vivenda da cal agora o queren botar.

"Morro se teño que marchar a un piso", dixo ao recibir a notificación do xulgado, poucos meses despois da que lle enviara a concelleira de Urbanismo esixíndolle que deixase a casa. A súa familia explicou a este xornal o contido de ambas as dúas misivas porque Manuel non sabe ler. 

Outra das familias afectadas é a de Estrella. Ademáis de quedaren sen a casa, a veciñanza contraerá unha débeda millonaria co Concello en concepto de 'urbanización' da zona para a construción dos edificios que albergarán 2.400 pisos.

A débeda desta muller ascenderá a 125.000 euros. "A factura da primeira cuota de urbanización que nos pasaron é de 42.000 euros e eles quedaron co que nos deron pola casa", conta a familia de Estrella. "Eles" é o Concello da Coruña, quen lle taxou a vivenda en que moran en 90.000 euros escasos; quedaron con ese diñeiro e reclaman a maiores eses 125.000 euros en concepto de cuotas.

Negreira prohibe a colocación de faixas, as concentracións e as manifestacións

As faixas con que informaban a cidadanía da súa situación foron retiradas pola policía. As concentracións veciñais que periodicamente se realizaban na pasarela de Alfonso Molina foron prohibidas polo Concello, quen di temer polo derrubamento da devandita pasarela.

Prohibidas foron tamén as manifestacións, porque, segundo a argumentación do alcalde, as queixas de 14 familias que poden quedar sen nada interrompen o tráfico rodado na cidade herculina. 

Porén, esta sexta feira ás 14.ooh volverán concentrarse á altura da Igrexa de Elviña, na avenida Alfonso Molina. Porque consideran que o proxecto do Ofimático, deseñado nos anos 90 entre a Xunta e o Concello da Coruña rexentado por Francisco Vázquez, conta "cun nulo interese comunitario": para que cumprirían eses 2.400 pisos que se pretenden construír se, segundo os dados de Stop-desafiuzamentos, na Coruña hai xa 20.000 vivendas baleiras?