14 colectivos sociais chaman ao debate para contruíren na Galiza unha Cooperativa Integral

Convocan unha xuntanza aberta para o 25 de xullo no local social do Pichel, en Compostela, co ollar posto na experiencia de Catalunya. Funciona alí unha CI cuxo último proxecto xerará vivenda social autoxestionada para ofreceren casas a familias desafiuzadas por menos de 4€ o metro cadrado

Nun momento en que debater semella un vicio doutros tempos e cando a lóxica do capitalismo impregna cada xesto das nosas vidas --nomeadamente esta cuarta--, até 14 colectivos sociais chaman ao diálogo ao redor da posíbel creación na Galiza dunha cooperativa integral que se mire no espello da experiencia de Catalunya.

Unha moeda social, compras colectivas para rebaixar o prezo dos produtos de primeira necesidade ou traballo en condicións que garantan a calidade de vida das persoas a través do autoemprego son algúns dos ingredientes sobre os que se erguen estas cooperativas, aderezados con "vontade de autoxestión" e a procura enérxica dunha mudanza de rumbo "que supere o consumismo e a guerra de todos contra todos e contra a natureza". Así o explica nunha misiva a Asembleia de Iniciativas Galegas Autoxestionadas, da que fan parte pólas como a alimentación local e agroecolóxica, as escolas populares, centros sociais, redes de troco e bancos de tempo ou o intercambio de sementes.

Na xuntanza, que se realizará en Santiago o 25 de xullo e que será aberta a quen desexe tomar parte nela --será ás 17.30h no Centro Social do Pichel e nela participará o profesor e activista decrecentista Carlos Taibo--, debaterase ao redor até do propio conceito da cooperativa integral para definíreno entre tod@s co ollar posto na CIC --Cooperativa Integral Catalana--. Dos últimos proxectos que saíron ao prelo está un destinado a xerar vivenda social autoxestionada. A idea pasa pola compra de paquetes de hipotecas impagadas como mecanismo para chegar á propiedade colectiva a prezo asequíbel, para alén de lles ofreceren ás familias desafiuzadas o realoxo en vivendas a un prezo non superior aos 4€ o metro cadrado.