130 varamentos no que vai de ano

Balea alibranca de case seis metros e medio foi varar a semana pasada a Combarro, na ría de Pontevedra, onde faleceu. (Foto: Cemma)
Cemma verifica un "gran" descenso na varada de mamíferos mariños.

Hai un descenso nos varamentos de mamíferos mariños nas costas galegas. "Son moitos menos que noutros anos", indica a Nós Diario Alfredo López, 'Tokio', biólogo e membro da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños da Galiza (Cemma). No que vai do presente exercicio rexistráronse por volta de 130 varamentos, cantidade que en anos anteriores era maior.

Os varamentos na costa dos mamíferos mariños dependen de dúas circunstancias, sinala López, os temporais do inverno e a presenza de grandes grupos de golfiños na plataforma galega. E este foi un inverno sen temporais, e tampouco hai tanta presenza deses grandes grupos de golfiños.

"O descenso nos varamentos é algo que se está a percibir en todo o Atlántico no relativo a cetáceos, en Francia xa o advertiron", sinala este biólogo vigués.

Até 23 especies

Nas augas da Galiza documéntase até a presenza de 23 cetáceos diferentes, cinco de lobos mariños e outras tantas de tartarugas. A maior parte das varadas corresponden ao golfiño común, mais tamén as hai de arroaces, toniñas ou caldeirón. Baleas e cachalotes xa son "fabas contadas".

Boa parte deses varamentos corresponden a animais que xa chegan mortos e que son arrastrados polas correntes, mais aproximadamente 10% aparecen vivos.

É entón necesario pór en marcha actuacións para valorar cada caso, decidir entre a reintrodución inmediata ou o traslado a rehabilitación, e unha vez superado este período proceder á liberación tras a recuperación. "Hoxe en día non hai instalacións apropiadas na Galiza para atender cetáceos de máis de dous metros ou tartarugas de coiro, polo que só cabe considerar a reintrodución directa", indica o Cemma.

Avistamentos

Á par do descenso nos varamentos tamén o hai nos avistamos. "En primavera houbo moitos menos e agora parece que empezan a haber máis", indica López. Explica que os mamíferos mariños móvense por dous motivos, "comida e tranquilidade". Se estas escasean, escasea a súa presenza. En canto á comida, a principal dieta de golfiños e arroaces non é tanto a sardiña, como se adoita pensar, senón o lirio. E a tranquilidade, nas rías galegas, é un ben cada vez máis escaso.

En tres décadas, Cemma asistiu por volta de 7.500 exemplares mariños encallados nos areais galegos. Sucou 80.000 km de mar en máis de 10.000 horas de navegación en distintas campañas marítimas, de monitorización costeira e de fotoidentificación de arroaces. Suma máis de 6.500 avistamentos no mar.

Candorcas

A presenza de candorcas nas augas galegas non debe ser causa de alarma. "Os atúns cambian as súas rutas e agora pasan polas bocas das rías e as candorcas van detrás da comida", indica o biólogo. Nestas semanas houbo avistamentos desta especie "e unha interacción". "Sempre e cando se poida, cómpre baixar a velocidade da embarcación e apagar a electrónica agás a radio", aconsella Alfredo López.