Ensino

Así son os 'puntos laranxas' contra o acoso escolar nos colexios galegos

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, colocando un 'punto laranxa' contra o acoso escolar no CEIP Xoaquín Loriga de Lalín. (Foto: Xunta)
Para xestionar esta 'caixa de correos', en cada centro educativo constitúese un equipo de actuación contra o acoso escolar integrado, entre outros, polo coordinador de benestar emocional e convivencia e o orientador do centro.

A Xunta da Galiza comezou coa colocación de 1.242 puntos laranxas contra o acoso escolar que, nas próximas semanas, chegarán ao "100%" dos colexios e institutos galegos públicos, segundo afirman desde a Administración. A campaña arrinca esta cuarta feira coincidindo co Día Internacional da Educación.

A iniciativa, desenvolvida ao abeiro do Plan Integral contra estas condutas impulsado pola Xunta, busca "blindar que as contornas escolares sexan seguras, inclusivas e respectuosas" e que os centros escolares "conten cos recursos necesarios para poder previr, identificar e actuar ante estas situacións".

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o CEIP Xoaquín Loriga de Lalín, onde se habilitou o primeiro destes puntos ao dispor do alumnado. Ademais dos centros educativos, tamén está previsto que se instalen nos Espazos Xoves e nas residencias xuvenís e de estudantes.

O titular de Educación do Goberno galego aproveitou a visita ao centro para reivindicar a 'tolerancia cero' ante "calquera conduta contratria á convivencia" e reclamou a implicación do conxunto da sociedade "nesta tarefa de país que require do compromiso de todos e cada un".

Estes puntos laranxas contra o acoso escolar teñen un formato físico nas propias instalacións e outro virtual a través das webs de cada un dos centros educativos. A maiores, contan cunha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesíbeis.

O seu funcionamento é como o dunha caixa de correos a través do que o alumnado pode comunicar ou denunciar, anonimamente, posíbeis situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros. Para xestionar esta caixa de correos, en cada centro educativo constitúese un equipo de actuación contra o acoso escolar integrado, entre outros, polo coordinador de benestar emocional e convivencia e o orientador do centro.