Os 12 da Sala Yago: a sombra "criminalizadora" de Conde Roa é alongada

Axentes anti-disturbios rodeando a Sala Yago

Os encausados na 'okupación' do antiguo cine compostelán fan fronte a penas de entre 12 e 18 meses de cárcere acusados de “usurpación”. 

A finais de 2011 un grupo de persoas entraba na Sala Yago de Santiago de Compostela, un cinema naquela altura fechado e que atesouraba, entre outros tesouros, un amplo currículo de proxeccións de filmes de autor e en VOS. Foron días de reapertura, de actividades, de debate, de revivir unha sala sobre a que penduraba o perigo de ser cuberta para sempre por arañeiras até que algún promotor decidise que, nese privilexiado enclave do casco vello picheleiro, había bo nicho para o negocio inmobiliario. 'Okupa e resiste' poñía unha faixa despregada. E ducias e ducias de persoas adicáronse eses días a, efectivamente, ocupar, resistir, debater, rir, falar e, o máis importante, facer cousas. Dar vida a un espazo cultural fechado.

A Fiscalía pide para dez dos acusados ano e medio de prisión para cada un. Para outros dous, catro e medio 

Os 12 procesados por aquela 'okupación' van ser xulgados esta cuarta feira por “usurpación” dese espazo e piden para eles penas que van dos 12 a 18 meses de prisión. A defensa pedirá a absolución e os denunciados entenden que houbo, para alén dunha actuación policial de despexo “desproporcionada”, unha tentativa de criminalizalos, operación na que certa prensa xogou un papel importante.

O daquela alcalde, Conde Roa, ceibara entón unha frase clarificadora, "aquela frase máis propia dun sherif dos spaghetti western que se proxectaban nos anos 70 no Cinema Yago”, sinalan voceiros das persoas procesadas: 'Sentirán o meu alento na súa caluga". Así dixo o rexedor. Non foi a única 'bravuconada' de Conda Roa nesta liña. Aí está aquela de “”Santiago nunca será o casco vello de Donosti”, co que quería ligar calquera protesto na capital galega coa kale borroka.

O contexto

Iria e Roi, dous das persoas que participaron cinco anos atrás na "reapertura" da Sala Iago, "moi ligada á cultura alternativa" da cidade, leron esta terza feira un manifesto no que recordaron o contexto no que se produciu este desaloxo marcado por "desafiuzamentos, corrupción, ERE's, desemprego e o calote das preferentes". Afirman que naquel 23 de novembro de 2011, data na que axentes da Policía española irromperon cun contundente dispositivo nunha sala cuxa "estaba aberta", adicáronse "catro horas de rexistro desproporcionado e minucioso" após o que "levaron detidas ás once persoas que nese momento estaban dentro. (...)"

Porén, son 12 as encausadas."Pasados uns días outra persoa foi imputada tras identificar unha pegada parcial dentro da sala. Qué curioso, ¿non? ¿Por que esta pegada valía máis que as dos outros centos de persoas que pasaron por alí?. Isto é algo que aínda nos preguntamos a día de hoxe", reflexionou.

Desde aquela

Dende 2011, lembran as persoas encausadas, o cinema continúa en estado de abandono. Foi "reaberto" en 2014 e os seus okupantes outra volta desaloxadas "sen consecuencias penais nin mediáticas". "Entón gobernaba Ángel Currás, o segundo dos tres alcaldes do PP, seguro que tiña cousas máis importantes do que preocuparse", ironiza o comunicado.