Doce anos de prisión para un ferrolán que abusou sexualmente dunha nena durante sete anos

Sede da Audiencia Provincial da Coruña. (Foto: Google)
O tribunal impuxo ao acusado sete anos de liberdade vixiada e inhabilitouno durante 17 anos para exercer calquera profesión ou oficio que supoña contacto regular e directo con menores.

A sección segunda da Audiencia da Coruña condenou a doce anos de cárcere un veciño de Ferrol por abusar sexualmente dunha menor de 16 anos de forma continuada desde que esta contaba con nove anos. A vítima era filla dunha muller coa que o procesado estabeleceu amizade e consideraba o agresor o seu "avó".

Ademais, o tribunal impúxolle sete anos de liberdade vixiada e inhabilitouno durante 17 anos para exercer calquera profesión ou oficio que supoña contacto regular e directo con menores.

Tamén ten prohibido aproximarse ou comunicarse coa vítima por calquera medio durante 19 anos. O procesado, que tamén deberá indemnizar a afectada con 30.000 euros, sobre o ano 2007 iniciou unha relación de amizade cunha muller que chegou ese ano a Ferrol desde o seu país natal.

A sentenza

O tribunal relata na sentenza que a axudaba economicamente no sostemento dos seus fillos e que "asumiu un papel familiar no coidado" da vítima, nacida en 2001, quen o chamaba "avó". Paulatinamente, segundo a sentenza, "fíxose coa confianza da nena, até o punto de ter moitísima influencia sobre ela".

Aproximadamente desde 2010, cando tiña nove anos de idade, aproveitando "o contacto ordinario e a familiaridade que representaba, tras gañar a vontade da nena e aproveitando a diferenza de idade e a dependencia de todo orde creada, o procesado logrou que a menor participase en escenarios de carácter sexual, chegando despois, e con igual ánimo libidinoso, a penetrala vaxinal e analmente".

Estes comportamentos repetíronse con frecuencia, segundo a Sala, até maio de 2017, cando se denunciaron os feitos.