112 MW entre Lalín, Rodeiro e Dozón

Un parque eólico nunha imaxe de arquivo. (Foto: Arquivo / Europa Press)
As veciñas e veciños organízanse para frear o macroparque eólico.

A veciñanza de Lalín comeza a organizarse para loitar contra o macroparque eólico de 112 MW que o Estado pretende instalar nunha zona agrogandeira entre Lalín, Rodeiro e Dozón, cunha infraestrutura de evacuación que se estende por Vila de Cruces e Silleda.

O macroparque está fraccionado en dous proxectos que na práctica compartirán instalacións, un de 56 MW no Val do Folgoso e outro coa mesma potencia no Monte dos Porcallos; pola súa capacidade de produción (máis de 50 MW) excede as competencias da Xunta e ten que ser promovido directamente desde o Estado.

“Até hai cinco días non tiña ningún coñecemento disto” afirma Luis Couto, veterinario da sanidade pública e veciño de Goiás, que acusa a Xosé Crespo, alcalde de Lalín, de inacción e “non ter informado ben aos veciños”. Enriba da súa casa hai prevista unha liña de alta tensión para o macroparque.

En poucos días unha trintena de veciñas e veciños xa estaban organizadas arredor da Plataforma de afectados polo parque eólico de Val do Folgoso e Monte dos Porcallos, presentada nesta quinta feira, 1 de abril.

“A comarca do Deza xa esta rodeada de parque eólicos” explica Couto, que define este macroproxecto como un “parque urbano”, ao estar situado a 2.6 km do centro de Lalín e a apenas 1000 metros dalgún barrio.

Veranse afectadas unhas 30 granxas; de vacún, porcino e avícola, “case todas elas con moi poucos anos de funcionamento” sinala Francisco Vilariño, voceiro do BNG no concello; “a maioría das granxas van quedar a unha distancia entre 200 e 400 metros de distancia” engade.

Vilariño presentou unha moción de urxencia para que o concello de Lalín rexeitara o macroparque eólico no Pleno do pasado venres 26 de marzo, aínda que “o goberno municipal non aceptou a moción” indica, cando menos serviu para alertar a veciñanza.

Os 20 aeroxeradores previstos terán 125 metros de altitude é un rotor de 162 metros, “máis de 200 metros nunha zona de alto impacto ambiental” sinala Couto.

O responsábel de prensa do concello de Lalín, Manuel Vilariño, defende que unha vez que o concello tivo coñecemento do proxecto, remitiullo aos técnicos para a súa análise, a pesar de que “cría que era difícil” que se instalara, e informou a veciñanza, brindando “toda a documentación coa que contaban” apunta.

Vilariño afirma que “o concello está en contra da instalación destes parques” e carga contra o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

A terza feira, o deputado no Congreso Néstor Rego, do BNG, estivo en Lalín apoiando a veciñanza, alí anunciou que presentará alegacións ao proxecto e rexistrarán iniciativas no Congreso esixindo ao Ministerio de Transición Ecolóxica que paralice este macroproxecto, “xa non debeu nin saír a exposición pública pola grandísima afectación ás zonas de produción agrícola e gandeira” concluíu.

O 29 de abril remata o prazo para presentar alegacións ao Estudio de Impacto Ambiental e a solicitude de Autorización Administrativa Previa do macroparque eólico, despois da publicación do anuncio no BOE do 17 de marzo.

A Baña

Tamén na Baña a veciñanza trata de recoller o máximo número de alegacións contra o parque proxectado na aldea de Troitomil, despois dunha campaña que se atopa nos seus últimos días e que reuniu varios centos de apoios. O prazo de presentación de recursos conclúe o 7 de abril. Todos os partidos políticos expresaron o seu apoio.

A empresa que persegue a construcción destes parques é Green Capital Development XXIX, S.L, creada hai un ano e medio e unha das múltiples subsidiarias de Capital Energy Global Assets S.L, propiedade de Jesús Martín Bueza, ex xenro de Florentino Pérez.

Na poxa para a asignación de proxectos de enerxía renovable, eólica e fotovoltaica celebrada o 26 de marzo polo o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, as súas empresas conseguiron 620 MW dos 998 MW asignados en todo o Estado para enerxía eólica.