O 112 contou 7.145 intervencións de emerxencia por velutinas en 2022

Estímase que só se advirte entre un 20 e un 30% dos niños de velutina reais. (Foto: Nós Diario).

A Axencia Galega de Emerxencias (Axega) fixo onte balance dos avisos recibidos polo 112 durante o ano 2022. Segundo os datos compartidos pola axencia, o servizo recibiu máis de 850.000 chamadas, das cales 7.145 se corresponderon con intervencións de emerxencias relacionadas con vespas velutinas.

Neste contexto, o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta da Galiza, Santiago Vilanova, destacou que o número de incidencias relacionadas con este tipo de vespas descendeu con respecto do ano anterior. Vilanova achacou este feito á retirada dos niños situados en lugares que presentaban un risco para a poboación.

Segundo os datos compartidos polo director xeral, unha de cada catro chamadas recibidas polo 112 durante 2022 acabou por converterse nunha incidencia, coa conseguinte mobilización dos medios de intervención.

Durante o ano pasado, o Centro Integrado de Atención ás emerxencias 112-Galiza recibiu un total de 853.959 chamadas, o que supuxo un lixeiro ascenso tras encadear varios exercicios de descensos continuados. De feito, desde o ano 2017, o volume de avisos anuais recibidos polo 112 mantense por baixo do millón.

Por tipo de incidencias, os incendios aumentaron de maneira significativa en 2022, até contabilizarse en todo o ano 10.641, case 3.000 máis que en 2021. Estes datos coinciden coa vaga de incendios que asolou a Galiza durante o ano pasado, especialmente durante o verán.

De todos os incendios dos que foi alertado o 112, 2.490 foron de carácter urbano e repítense en especial os que se orixinan en chemineas e campás extractoras por acumulación de feluxe ou graxa, así como os que son froito de despistes. Os incendios industriais tamén experimentaron un notábel crecemento, de 124 a 152 casos no ano 2022.