Entregan ao Valedor máis de 11.000 sinaturas na defensa de Catasós

Representantes da Plataforma entregaron 11.183 apoios para que se modifique o trazado da liña de alta tensión pola zona para protexer a Fraga de Casas Vellas.

 

Un total de 11.183 sinaturas foron entregadas por representantes da Plataforma Salvemos Catasós ao Valedor do Pobo, milleiros de rúbricas que demandan a modificación do trazado da liña de alta tensión Irixo-Lalín para evitar o estrago que percorrido previsto na actualidade causaría a lugares como a Fraga de Casas Vellas.

O actual trazado suporía, segundo denuncian desde a plataforma e organizacións e colectivos que a apoian, unha ameaza da destrución de parte do conxunto forestal próximo ao Monumento Natural das Fragas de Catasós estimándose que arredor de 2.000 pés serán talados nunha operación que fraccionará fragas e soutos.