107.000 euros de diñeiro público para unha "macroescultura" do Sagrado Corazón en Vigo

Cartaces nun vbarrio de Vigo denunciando o proxecto (Foto: @IlCanallaRubens)

O símbolo relixioso medirá case 5 metros de altura e terá 7 toneladas de peso.

Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra finaciarán a instalación dunha macroescultura do Sagrado Corazón de Xesús en Vigo. Unha actuación que suporá un desembolso, degundo o BNG vigués de 107.000 euros. O Goberno municipal subscribiu ao efecto un convenio co Bispado o pasado 30 de decembro.

O BNG xa expresou o seu rexeitamento a que se financie con recursos públicos a instalación de símbolos relixiosos na cidade, como é o caso deste proxecto para a capela da Guía. "No BNG estamos certos e certas de que o barrio de Teis ten necesidades moito máis urxentes e importantes que unha escultura xigante coroando unha capela", acrecentou Xabier P. Igrexas, portavoz nacionalista no Concello vigués..

Tamén no seu día a Marea de Vigo criticara esta actuación. A concelleira Oriana Méndez criticara o argumento de que esta estatua estaba proxectada en 1951, en pleno franquismo,  xa que “hoxe, por fortuna e polo traballo de toda a sociedade viguesa progresista, crente moitas veces e igualmente defensora dos valores do laicismo e do librepensamento, non estamos no Vigo de 1951”.

Numerosas voces posicionáronse durantes estas semanas contra ese proxecto, como a  Iniciativa Galega pela Memória . Entre elas a de xornalista Montse Fajardo, que lembraba a identificación “do Sagrado Corazón, imaxe utilizada historicamente, e nomeadamente durante o franquismo, como símbolo do combate da relixión fronte as ideas, como estandarte da persecución daquelas persoas que avogaban por unha sociedade onde o liderado da Igrexa fose substituído polo liderado do pensamento libre, da cultura e do ensino”. 

Ou o do teólogo, filósofo e escritor Vitorino Pérez Prieto, que escribiu “o culto ao Sgdo. Coração é hoje um anacronismo e cousa duma época passada, na qual se utilizou essa imagem de Jesus Cristo como emblema de discórdia. Historicamente nasceu para fazer-lhe fronte ao laicismo de começos do s. XX”.

Desde o colectivo Vigo Antifascista manifestan que "o monumento é um insulto a memória histórica e a todas as vítimas da ditadura na Galiza".