107 semanas consecutivas de mobilización en Moaña en defensa da sanidade

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, intervindo ao remate da concentración en defensa da sanidade pública. (Foto: Nós Diario).

A veciñanza de Moaña (O Morrazo) non se rende na súa loita pola recuperación das urxencias sanitarias na localidade, suprimidas en 2020 "coa coartada" da pandemia. 107 semanas despois do comezo das mobilizacións a poboación volveu a saír este domingo á rúa.

Moaña leva 107 semanas consecutivas de mobilización para recuperar as urxencias sanitarias. Hoxe centos de veciños e veciñas desta vila do Morrazo volveron a saír á rúa para reivindicar unha asistencia sanitaria de calidade.

A protesta, convocada como as 106 anteriores pola Mesa da Sanidade de Moaña, unha coordinadora social conformada pola Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Moaña, entidades veciñais, grupos políticos da Corporación e presidida pola alcaldesa, Leticia Santos (BNG) demostrou, máis unha vez, a perseveranza na loita da poboación desta localidade.

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, sinalou a Nós Diario ao remate da mobilización de hoxe que “o noso obxectivo continúa a ser o reforzo da Atención Primaria”, tras os diversos recortes acometidos pola Xunta da Galiza desde o ano 2020.

Santos reclama “a devolución das urxencias sanitarias que coa coartada da pandemia retiraron de Moaña e desde aquelas temos que acudir a Cangas para recibir esta prestación”. Precisamente, esta demanda é un dos eixos centrais da reivindicación desde o seu inicio.

A rexedora lembra que “as protestas arrancaron despois de esgotar todas as vías institucionais en decembro de 2021, cando o impacto da pandemia xa era menor” e denuncia que “19.474 veciños e veciñas de Moaña carecen desde marzo de 2020 de punto de atención continuada (PAC), debendo acudir ao centro de saúde Cangas en caso de precisar atención urxente”

A alcaldesa denuncia que “o noso concello foi o único que non recuperou aínda os servizos sanitarios previos á pandemia”. Nesta liña, crítica que na quenda de tarde seguen sen cubrir dúas prazas de facultativos malia as protestas da Xunta da Galiza.

Santos esixe “un reforzo no servizo de ambulancias para Moaña e Cangas”, coa intención de garantir “unha mellora na calidade asistencial”. A este respecto, indica que “o persoal sanitario estase a desprazar noutro tipo de vehículos que non ofrece tantas garantías”.

As mobilizacións continuarán en Moaña durante o período de Nadal. Porén, Santos avanza que se trasladarán a quinta feira, ao cadrar os últimos domingos de 2023 con Noiteboa e Noitevella.