104 prazas "desertas" após a primeira proba das oposicións a docencia

Foto de arquivo dun exame de oposicións. (Foto: Europa Press)
CIG-Ensino sinala que debe ser a Consellaría de Educación "quen tome a iniciativa para promover que, sempre partindo do rigor que se debe exixir nun proceso selectivo, se eviten situacións como as que levamos vendo desde hai anos".

A sección da Confederación Intersindical Galega dedicada ao Ensino (CIG-Ensino) mostrou a súa preocupación polas 104 prazas "desertas" dun total de 2.184 convocadas para o ingreso de corpos docentes.

Tal e como explica a central sindical, estas prazas quedaron desertas despois de que as e os aspirantes non superasen os dous primeiros exames da proba inicial (proba práctica e teórica da especialidade), "antes mesmo de chegar á defensa da programación e da unidade didáctica da segunda proba, polo que a cifra total de prazas desertas podería aumentar".

Especialidades afectadas. (Táboa: CIG-Ensino)

Neste sentido, o sindicato educativo lamenta que, polo de agora, como mínimo 4,76% das prazas non van ser adxudicadas.

"Para CIG-Ensino é un motivo de preocupación, que xa levamos denunciando nestes últimos anos, como unha tendencia que agora se confirma neste novo proceso selectivo", subliña nun comunicado remitido aos medios de comunicación.

Causas 

Tal e como afirma a central sindical, os resultados da primeira proba da oposición achegan dúas alternativas que expliquen a situación. A primeira, que "o nivel demostrado nas probas propias das especialidades por unha gran parte do persoal aspirante é moi baixo".

A segunda alternativa que expón CIG-Ensino é que "o deseño e criterios dos tribunais non son correctos, especialmente se temos en conta que unha parte das persoas que se presentan ás oposicións son docentes interinos que levan anos demostrando a súa valía profesional".

"Debe ser a administración educativa, última responsábel da organización das oposicións, quen tome a iniciativa para promover que, sempre partindo do rigor que se debe exixir nun proceso selectivo, se eviten situacións como as que levamos vendo desde hai anos" asegura o sindicato.

 Para CIG-Ensino, isto cobra especial importancia porque "xa non é só que non se chegue a ter en conta nunha parte moi destacada dos tribunais a fase do concurso, senón que mesmo as diferentes partes da fase de oposición xa funcionan como un filtro difícil de entender".