1.000 números de 'Nós Diario', 1.000 números de xornalismo galego

Acto en Foz esta sexta feira,
A directora do diario, María Obelleiro, salienta a importancia dunha "axenda propia".

Nós Diario chega este sábado ao seu número 1.000. Unha cifra que este medio conmemora cunha campaña que está a percorrer as diferentes comarcas galegas, con cita onte en Foz, na Mariña, con presenza do artista  Daniel Caxigueiro, a directora do xornal, María Obelleiro, e o presidente de Sermos Galiza, Xoán Costa.

Costa lembrou que o medio naceu hai catro anos "e naceu para ficar". Esta campaña, acrecentou, "pretende ampliar a base social do medio, procurando 1.000 novas subscrición que nos permitan facer fronte aos desafíos que aínda nos quedan por diante para nos consolidar como referentes no sistema mediatico galego".

O presidente de Sermos Galiza S. A. subliñou que Nós Diario "só responde a intereses galegos., é máis necesario do que nunca, e que fose e que segua sendo posíbel porque só depende de nós"

Pola súa parte, María Obelleiro salientou a "necesidade dun xornalismo propio"  e que publique novas que "marcan a axenda", como as portas xiratorias entre a Xunta da Galiza, a realidade das residencias baixo a pandemia  e as enerxéticas, ou as prácticas cuestionábeis na CRTVG.

A directora agracedeu  "todas as persoas que acreditaron no seu momento nun proxecto como Nós Diario".

Mil números

O diario que se publica hoxe vén cargado de novidades e agasallos ao prezo habitual de 3,20 euros, pois canda o xornal inclúese sempre este día a revista cultural Sermos Galiza, de 32 páxinas. E, a maiores, o xornal e o semanario veñen tamén acompañados da entrega diaria do coleccionábel que desde o pasado mes agasallamos, 30 castelos e torres para descubrir un reino, con outras 16 páxinas a toda cor. Mais a promoción non remata aquí.

Xunto ao Nós Diario, o Sermos Galiza e o coleccionábel atoparás este sábado un suplemento conmemorativo destes mil números no que participan figuras galegas de referencia en diferentes ámbitos como a música, a ciencia ou o deporte. Este caderno especial será tamén totalmente gratuíto. 

Así, ao longo de 48 páxinas as Tanxugueiras, Olga Novo, Pela del Álamo, Vide Vide!, O Rabelo, Sonia Villapol, Xosé Ramón Freixeiro, Paula Domínguez Pauleta, Neves Brisaboa e o Grupo Nove asinarán senllos artigos nos que repasarán os principais fitos dos últimos catro anos, desde que saíu do prelo o primeiro número do Nós Diario.