100.000 sinaturas pola abolición das touradas en Galiza

Manifestación contra as touradas en Pontevedra

Galiza Mellor sen Touradas rexistrou no Parlamento as máis de 100.000 firmas recollidas dende comezos de ano e apuntou a posibilidade de presentar unha ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) en termos semellantes á redactada no territorio catalán.

Na mañá desta sexta feira tivo lugar no Parlamento galego a entrega de máis de 100.000 sinaturas contra as touradas por parte da Plataforma Galiza Mellor Sen Touradas (GMST) e a Fundation Franz Weber. En rolda de prensa aprensentouse a 'Iniciativa Europea pola Abolición”, participando na mesma o voceiro dos abolicionistas, Rubén Pérez, acompañado polos deputados Ana Pontón (BNG), Antón Sánchez (AGE) e Patricia Vilán (PSOE)

Rubén Pérez lembrou a nula lexitimidade que teñen os defensores das touradas, que “só representarían o 0,8% da poboación”. Pola contra os milleiros de sinaturas e o apoio explícito de 26 deputad@s que conformaron a comezos de ano a chamada Fronte Antitaurina exercerán “un contra-poder e unha reivindicación de veto dos festexos taurinos que na actualidade, tal e como afirmou o voceiro, son unha excepción na Lei 1/93 de Protección dos Animais”.

A prioridade dos colectivos abolicionistas é trasladar o debate á axenda parlamentar, indicou Pérez, que mesmo anunciou a posibilidade de presentar unha ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) en termos semellantes á redactada no territorio catalán.