As 10 curiosidades que non coñecías sobre o cambio de hora

É sábado 28 de marzo e, como todas derradeiras fins de semana deste mes, muda a hora. Así, ás 2 horas deste domingo adiantaranse os reloxos até as 3 horas e dará comezo o horario de verán.

A madrugada deste domingo, ás 2 horas (na noite do sábado ao domingo), comeza o horario de verán, que se prolongará até o derradeiro domingo de outubro. Haberá que mover as agullas dos reloxos das 2 até as 3.

A continuación, expoñemos 10 curiosidades ao redor da mudanza horario e do cambio estacional.

1. De aquí xorden os fusos horarios actuais

Os 24 fusos horarios actuais xurdiron da necesidade de estandarizar a hora civil e a solar a finais do século XIX. A idea veu da man do enxeñeiro escocés Sanford Fleming. Tras anos de debates, a Conferencia Internacional do Meridiano, que decorreu en Washington, os EUA, en 1884, decidiu que o meridiano cero, aquel polo que se rexerían as horas do planeta, fose o de Greenwich. De aí as siglas GMT (Greenwich Mean Time), tempo medio de Greenwich. Desde elas súmanse horas en dirección leste e oeste.

2. Franco ou De Gaulle? A adaptación ao GTM +1

Durante a II Guerra Mundial, adoptouse a hora alemá, a do meridiano de Berlín, é dicir GMT+1. Hai teses que apuntan que foi o ditador Francisco Franco quen modificou o fuso horario de referencia en 1940 para facer unha aproximación á Alemaña nazi e, así, o Estado español deixou de rexerse polo horario anteriormente asignado pola luz solar, aquel ditado pola Conferencia de Washington. O astrofísico Jorge Mira asegura que este argumento é falso e veu da Asociación para a Racionalización dos Horarios Españois, hai algo máis dunha década. “Realmente o fuso actual débese a que, cando acabou a segunda Guerra Mundial, Charles de Gaulle decatouse dunha circunstancia xeográfica e mantivo o fuso horario. E Franco, que tiña pendente un cambio desde 1940, viu o que facían os franceses e quedou como estaba. Así que se alguén lle quere poñer un alcume ao noso fuso horario, que diga que é un fuso gaullista e europeo, porque De Gaulle xa estaba pensando na Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA), que foi o embrión da UE”.

3. O desfase na Galiza... á altura da China

A metade máis occidental da Galiza, que se atopa no fuso GMT-1, hai un gran desacordo, o máximo en Europa, entre a hora solar local e a hora oficial. Nalgún municipio galego, co horario de verán que comeza na madrugada do domingo, a diferenza entre o mediodía solar verdadeiro e as 12 horas oficiais chega a exceder os 160 minutos. Só o oeste da China supera o desfase horario que sofre Galiza.

4. Unha diferenza de dúas horas e media

O horario de inverno supón na Galiza practicamente unha hora e media de desfase tendo en conta que o mediodía solar, aquel onde o Sol se atopa a unha maior altura, cae perto das 13.30 horas. A partir de mañá vai coincidir unha hora despois. Isto significa que Galiza soportará 2 horas e 30 minutos de diferenza. Explícao o membro da Asociación Astronómica Ío Martin Pawley. No verán, Galiza conta con até 15 horas de luz solar, en tanto que no inverno ten 9.

5. Galiza aforra só 2%. Barcelona, 7%

Tirando dos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), Lito Prado, unha das caras visíbeis que defendeu desde o ano 89, primeiro a partir do ecoloxismo galego e despois no seo do BNG, o cambio de fuso horario da Galiza para adaptalo ao de Portugal, sinala que os horarios estacionais supoñen un aforro, en España, de entre un 5 e un 7%; en Barcelona dun 7% e na Galiza só dun 2%. En París, engade, entre un 13 e un 14%.

6. Estados con diferentes fusos horarios

Australia, O Brasil, Os EUA, O Canadá, México, Indonesia e Rusia son algúns dos moitos Estados no mundo con diferentes horas civís en distintas partes do seu territorio. É por iso que Pawley salienta que “non sería trauma administrativo ningún que Galiza tivese un horario diferente ao do resto do Estado”.

7. Non hai fusos correctos nin incorrectos

Así o defende o físico Jorge Mira, que formou parte da comisión de expertos e expertas creada polo Goberno estatal para abordar a posíbel reforma horaria. O profesor da USC sinala que os números que se lles dan aos “eventos solares” carecen de relevancia. “É como se temos un termómetro en escala Celsius e outro en Fahrenheit, o Celsius pode marcar 100 e o Fahrenheit, 212. O de 212 non está máis quente que o de 100”.

8. O BNG, histórico defensor dunha mudanza horaria

A proposta da adaptación do horario ao GTM foi defendida historicamente polo BNG, que en 2006 recolleu nas súas teses a necesidade desta mudanza. En 2010, catro anos despois, solicitaba, sen éxito, no Congreso un fuso horario galego idéntico ao de Portugal. A iniciativa do BNG foi respondida con ridiculizacións por parte do PP, que cualificou a iniciativa de “peregrina”, e do PSOE, que a cualificaba de “cousa menor sen importancia” e mesmo de “chorrada”.

9. Cando o PP e o PSOE se sumaron ao cambio de fuso

En 2016, seis anos despois de que o BNG levase ao Congreso a súa proposta para compartir o fuso horario con Portugal e coas Canarias e de que o PP e o PSOE cualificasen de “idea peregrina”, “cousa menor sen importancia” e “chorrada”, Mariano Raxoi, entón presidente do Goberno estatal e presidente do PP, afirmaba nun mitin que impulsaría o cambio de hora para o adecuar ás necesidades do Estado. Por outra banda, o pacto asinado polo PSOE e Ciudadanos para o “si” á investidura de Pedro Sánchez en febreiro dese ano recollía na súa páxina 38 a “recuperación do fuso horario GTM que sirva de catalizador para o resto de medidas propostas”.

10. O fracaso da proposta europea

En setembro de 2018 o presidente saínte da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, propuña abolir os cambios estacionais nos horarios. Serían os Estados da UE quen elixirían ficar co horario de inverno ou co do verán. Porén, após meses de debates e consultas, o Parlamento Europeo pediu "tempo morto" e os europarlamentares aprobaron en marzo de 2019 adiar cando menos dous anos, até 2021, a abolición da mudanza de hora estacional. Desde entón, o debate ficou paralizado.