10 anos de Feixoo na sanidade galega

Manifestación sanidade pública dez febreiro

A sanidade foi un dos campos de probas na Galiza das políticas do PP para os servizos públicos que pasaron, e pasan, pola súa privatización, así como pola precarización das condicións laborais das traballadoras.

A chegada de Feijoo ao goberno da xunta de Galiza supuxo un retroceso importante no sistema publico de saúde. A primeira medida que adoptou foi anular os plans de saúde elaborados durante o goberno bipartito, por consenso, entre a Administración, as/os profesionais, organizacións sindicais e sociedades científicas.

Os plans anulados, entre outros, foron:

Plan Galego de Mellora da Atención Primaria.

Plan Galego de Saúde Mental.

Plan Galego de Atención Integral a Muller.

Plan galego de Atención Primaria: a súa anulación supuxo o desmantelamento deste nivel de asistencia. Froito disto é a situación que se vive na actualidade na atención primaria.

Plan Galego de Saúde Mental: a gran esquecida do sistema sanitario público.

Plan Galego de Atención Integral á Muller: a consellaría de Sanidade substituíu as medidas recollidas neste plan e aquelas baseadas na evidencia científica por medidas ideolóxicas. Volveu, de feito, a pór en marcha medidas que teñen como obxectivo comercializar co corpo das mulleres.

Todo isto foi acompañado de medidas lexislativas que lles permitiron cumprir un programa político de sanidade baseado en intereses económicos, mais afastado das necesidade de saúde da poboación.

Estableceron unha folla de ruta, perfectamente deseñada, co obxectivo de desmantelar a sanidade pública e poder derivar patoloxías á sanidade privada.

Entre as medidas lexislativas que facilitaron a súa política salientan a creación das EOXIs: estruturas administrativa para afastar dos centros a toma de decisións. Desmantelamento da xerencia de atención primaria, integrándoas nunha estrutura hospitalaria e supeditando as súas decisións aos intereses do ámbito hospitalario.

Xunto a esta cómpre subliñar a Lei de Garantías. O seu obxectivo non foi establecer tempos máximos de espera para diminuír o tempo de atención as persoas segundo a indicación clínica correspondente. Non, o obxectivo principal desta lei foi establecer tempos máximos de espera, que sabían, perfectamente, que cos recortes eran imposibles de cumprir. Como recolle a propia Lei, se non se cumpren os prazos, as persoas son derivadas ás clínicas privadas existentes na súa área sanitaria, ou fóra dela.

As persoas que rexeitan ser atendidas na privada quedan nun caixón do que ninguén se acorda.

Ademais modificouse a Lei de Saúde, cuxo obxectivo principal é o desmantelamento das áreas sanitarias para concentrar a actividade nos grandes complexos hospitalarios.

Cal foi o obxectivo de todo isto? Concentrar a actividade nos grandes complexos hospitalarios para dar maior negocio á industria de tecnoloxía sanitaria e a industria farmacéutica.

Seguiron coas medidas de privatizacións e recortes de orzamento e cun incremento no orzamento para facer o pago das privatizacións e do canon do hospital de Vigo.

O goberno de Feijóo está a publicar nos medios de comunicación o incremento do orzamento destinado a sanidade, sen transparencia, sen dicir a quen ou a que vai dirixido ese diñeiro, cando os verdadeiros destinatarios son as empresas que prestan os servizos privatizados; o canons do hospital de Vigo; a industria farmacéutica ou as empresas de tecnoloxía sanitaria. O gasto farmacéutico non para de medrar e non se toma ningunha medida ante as alertas que fan as/os profesionais de que como se siga a incrementar o prezo de determinados fármacos, non se van poder subministrar a toda a poboación.

Isto si que vai provocar que o sistema sanitario sexa insostible, mais ninguén toma ningunha medida fronte o lucro cesante e sen escrúpulos das farmacéuticas, ás que non interesa pór límites.

Para rematar coa análise destes 10 anos, faremos un breve repaso á medida estrela do PP e do Sr Feijoó para desmantelar a sanidade pública: eliminar postos de traballo e aumentar a precariedade laboral para que o persoal migre.

Levamos 10 anos de aplicación dunha taxa de reposición inxusta, que impediu que durante este período se puidesen incorporar ao sistema público un número igual de profesionais que o persoal que se xubilaba. A taxa de reposición tamén impediu dotar o sistema de novas prazas para atender as necesidades asistenciais.

A taxa de reposición foi a desculpa perfecta que utilizou o PP para a maior destrución de emprego na sanidade pública. Durante os anos 2012 e 2013 o SERGAS publicou no DOG dous Plans de Ordenación de RRHH do SERGAS. O obxectivo de elaborar un plan de ordenación é identificar as necesidades para achegar solucións, porén, o obxectivo de Feijóo foi fichar ao persoal para facilitar a súa eliminación.

Que fixo o PP? Aproveitou os devanditos plans para identificar a idade das/os profesionais, obrigar á xubilación forzosa destes, sabendo que coa taxa de reposición só podía incorporar un nº limitado de profesionais, durante 4 anos só o 10%, e no ano seguinte o 50% do persoal que causaba baixa no sistema.

Non foi esta a única medida que tomou para eliminar profesionais. Coñecedor de que para exercer a medicina se necesita unha formación de carreira máis 4 ou 5 anos de especialidade vía MIR, aproveitaron isto para eliminar máis postos de traballo. Durante estes anos o PP cubriu na Galiza un número inferior de prazas MIR que as que tiña autorizada polo Ministerio.

A consecuencia desta política de persoal é a falta de médicas/os especialistas que hai no sistema e por iso non hai pediatras, nin os vai haber, nos próximos anos, nin outras/os especialistas.

Agora o Sr Feijoo, nesa hipocrisía institucional que exerce, é o máximo defensor da eliminación da taxa de reposición que defendeu e aplicou nestes 10 anos. Dentro de ese exercicio de hipocrisía, pregoa que solicitou do Ministerio de Sanidade un incremento das prazas de MIR, por que non o fixo durante estes 10 anos?

Mais seguen instaurados no engano e na falta de transparencia. Desde CIG-SAÚDE solicitamos, reiteradamente, a negociación dun verdadeiro Plan de Ordenación de Recursos Humanos para identificar e coñecer a pirámide de poboación do SERGAS; saber o número de xubilacións que se van producir nos vindeiros anos; coñecer as necesidades reais de incorporación de novos profesionais; adaptar as convocatorias MIR ás xubilacións e necesidades da sanidade pública.

Nada disto é aceptado pola Consellaría de Sanidade, seguen instaurados nunha permanente campaña de propaganda, alleos ao sufrimento das persoas.

Dez anos de desmantelamento dun sistema sanitario público que segue mantendo os mellores indicadores de calidade grazas ao esforzo das/os profesionais.

A pesares dos moitos recortes laborais e asistenciais, da falla de comunicación coas/os profesionais, de que o criterio profesional non se tivese en conta á hora de establecer as políticas sanitarias, o sistema sanitario perdura. A saúde é un dos bens máis prezados que temos as persoas. Por iso as/os profesionais da sanidade esfórzanse cada día en dar unha prestación sanitaria de calidade, evitando co seu desempeño profesional que a poboación perciba a incidencia negativa dos recortes na súa saúde.

Por iso, Sr Feijoo, non se confunda, cando as enquisas sobre a sanidade pública sitúan a esta no nivel máis alto, a poboación está a valorar o traballo das/os profesionais, non o seu. Cando a unha persoa se lle pregunta pola sanidade o que lle vén á memoria é o conxunto de profesionais que a acompañaron durante o seu proceso de enfermidade, con gran empatía profesional e persoal. Cando a alguén lle preguntan que valoren a sanidade ninguén se lembra de vostede.

O seu traballo na sanidade pública sería valorado con cero (0) e a súa irresponsabilidade non ten nin sequera puntuación. Outra puntuación sería a que recibe vostede das persoas as que lle permitiu facer negocio coa saúde das persoas. Para estas sería vostede un “ Campeón”.