1 de abril: por que van os burros onde non deben ir?

Máis dunha vintena de países e territorios conmemoran hoxe o día das brincadeiras.

O 1 de abril é día de brincadeiras. O refraneiro galego dá boa conta dunha data reservada a charaviscas e enganos que teñen máis ánimo de diversión que de facer mal.

'O un de abril van os burros onde non deben ir". Este refrán galego indica ás claras que a tradición de xogar aos enganos e facer bromas no primeiro de abril tamén é propia da Galiza.

En todo o mundo máis de 20 países conmemoran no 1 de abril o día das brincadeiras, un costume que o Estado español reserva para o día dos Inocentes, o 28 de decembro, ao igual que parte de América Latina.

Na Galiza

En Historia de Galiza, Ramón Otero Pedraio sinala o 1 de abril como o día das brincadeiras e das trampas e recolle unha tradición que, malia esmorecer nas últimas décadas, aínda se mantén.

Como na Galiza, Portugal, Reino Unido, Francia ou Alemaña concentran nesta xornada todo o enxeño para facer brincas e rir a conta de penas argucias que, segundo os casos, poden ser máis absurdas ou maliciosas. Con todo, non gardan ánimo de molestar. 

No resto do mundo

No Reino Unido chámase April Fools' Day, en Francia é o Poisson d'avril e en italia o Pesce d'aprile.

En Menorca tamén teñen nome para esta xornada: o Dia d’enganar, debido á influencia británica durante do parte do século XVIII.

En Alemaña, Austria e Suíza a tradición de contar mentiras o 1 de abril lévase até os medios de comunicación, ao igual que acontecía no Estado español co 28 de decembro.

Canadá, Croacia, Eslovaquia, Finlandia, Bélxica, Valonia, Xapón, Líbano, Os Países Baixos, Flandes, Dinamarca, Portugal, Brasil, Porto Rico, os EUA, Australia, Romanía e Suecia son outros dos países onde se conmemora o 1 de abril como día das brincadeiras.

Pola contra, Arxentina, Bolivia, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, O Salvador, Filipinas, Guatemala, México, Panamá, Paraguai, Perú, Uruguai e Venezuela conmemoran o día das brincadeiras o día 28 de decembro.

Orixe

O rei Carlos IX aprobou un novo calendario de festexos, que puña fin ao que fixaba que o Aninovo caía no 1 de abril. Daquela a información circulaba moi amodo, polo que non poucas persoas seguían a celebrar o Aninovo o 1 de abril e non o 1 de xaneiro.