O 061 tardou sete minutos en atender unha chamada por un mariñeiro accidentado que finalmente morreu

Helicóptero do 061 (Foto: Sergas).
Con posterioridade ao accidente estabelecéronse na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias diferentes circuítos de redistribución das chamadas para evitar as colas na entrada e na asignación de chamadas ao persoal sanitario.

O 061 tardou sete minutos en coller unha chamada procedente do centro de Fisterra de Salvamento Marítimo para informar do traslado ao hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo, dun mariñeiro do 'Novo Cristo da Laxe', quen sufriu un golpe na cabeza e unha caída á auga ao sur da illa de Ons. O tripulante, de 24 anos, acabou falecendo por mor deste sinistro ocorrido o 22 de outubro de 2019.

Así se recolle no informe que acaba de publicar a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) —dependente do Ministerio de Transportes—, no que se apunta que "se produciu un atraso de aproximadamente dous minutos na asistencia médica ao tripulante accidentado no hospital Álvaro Cunqueiro, non sendo posíbel valorar se devandito atraso tivo incidencia no desenlace do accidente".

Contra as 21.40 horas daquel día, o buque 'Novo Cristo da Laxe', con sete tripulantes a bordo, realizou un lance nas proximidades de Ons. "A piques de finalizar a manobra de largado da arte, o mariñeiro encargado de vixiar a saída dos aneis da xareta enredouse o pé nun cabo da arte, sendo arrastrado pola cuberta e golpeándose a cabeza antes de caer á auga".

Así, o patrón solicitou axuda a Salvamento Marítimo e pesqueiros da zona. Un dos mariñeiros botouse á auga para tentar rescatar ao seu compañeiro. Ao non aparecer, izouse o aparello e atopou o tripulante accidentado enganchado nas redes, logo de pasar un cinco minutos na auga.

De tal forma, subiuse ao tripulante a cuberta, "cunha ferida na fronte, malia que aínda tiña pulso". Os seus compañeiros tapárono cunha manta, á vez que lle realizaban por quendas as manobras de reanimación cardiorrespiratoria.

Relato dos feitos

A partir de aí, segundo o relato dos feitos, o centro de coordinación de Fisterra de Salvamento mobilizou ás 21.44 horas o helicóptero 'Pesca 1'. Ás 21.47 horas tamén se avisou ao 061 da emerxencia, que indicou que, "unha vez realizada a evacuación, trasladasen ao tripulante ao heliporto do hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo)". Ás 22.24 horas, o 'Pesca 1' daba conta de que o tripulante se atopaba a bordo e que se dirixía cara ao hospital mentres lle practicaban unha RCP.

Neste punto, o informe recolle que, ás 22.30 horas, o centro de Salvamento de Fisterra, "após unha espera de sete minutos, conseguiu informar a Urxencias Sanitarias da Galiza 061, da hora prevista de chegada ao hospital" do helicóptero. Ás 22.33 horas, o 'Pesca 1' aterrou no heliporto, "pero non había persoal sanitario para efectuar o traslado do tripulante". Por iso, o centro de coordinación de Salvamento "chamou novamente" ao 061.

"Aproximadamente dous minutos após a aterraxe" do 'Pesca 1', "o persoal sanitario chegou ao heliporto e após 20 minutos de manobras de reanimación avanzada no devandito centro hospitalario certificouse o falecemento do tripulante". Segundo a investigación, "este atraso aponse a que a chamada" ao servizo de Urxencias Sanitarias "demorouse 7 minutos en ser atendida por persoal sanitario do 061".

De acordo cun informe emitido pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias da Galiza 061, "con posterioridade ao accidente estabelecéronse na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias diferentes circuítos de redistribución das chamadas para evitar as colas na entrada e na asignación de chamadas ao persoal sanitario", asegura o documento da Ciaim. Desta maneira, "90% das chamadas ao 061 aténdense en menos de tres segundos".

Tamén con posterioridade ao accidente "revisouse o procedemento de recollida de pacientes da helisuperficie do hospital Álvaro Cunqueiro, e difundiuse entre o persoal interviniente".