''Todos os pobos ocupados están obrigados a loitar''

[Imaxe: SG]
Pola volta de cen persoas secundaron en Compostela máis unha concentración contra a impunidade de Israel e polo cesamento dos ataques contra a poboación palestiniana. O oftalmólogo e escritor Mohamed Safa ironizou sobre un dereito á defensa que só se lle recoñece ao estado sionista, namentres "semella que para os palestinianos a violencia fai parte da nosa xenética". Contra esta opinión revolveuse recalcando que "a nosa resistencia non é un dereito, é unha obriga"


"Se teño que falar de historia falarei de hai máis de 60 anos. Desde aquela, a metade do meu pobo vive nunha Faixa ocupada e a outra metade en campos de refuxiados. Non é casualidade. É a consecuencia do xenocidio israelí". Mohamed Safa é oftalmólogo no hospital de Cee e chegou á Galiza haberá uns doce anos. As súas palabras centraron este sábado en Compostela máis unha concentración contra a impunidade de Israel, polo cesamento dos ataques á poboación palestiniana e por unha Palestina "libre".

Co masacre da operación 'Chumbo fundido' aínda na retina
Na operación 'Alicerce defensivo' o exercito israelí asasinou 177 persoas após oito días de ofensiva. Após a declaración de 'tregua' fica pendente se Israel cumprirá os acordos e porá fin ao bloqueo estabelecido contra o pobo gazací en 2008. Daquela, en decembro, o estado sionista despregou os tanques nos territorios ocupados no que deu en chamarse operación 'Chumbo fundido', en que empregou mesmo armamento prohibido polo dereito internacional como son as bombas de fósforo branco.

O territorio palestino reviviu o seu peor pesadelo desde que en 1967 as tropas israelís ocuparan a faixa e deixaran á poboación civil dentro do desastre humanitario. Israel alegou "dereito á lexítima defensa", o mesmo argumento que agora emprega unha comunidade internacional liderada polos USA e a UE para ollar cara o outro lado perante esta última incursión militar. "Claro que se pode ter dereito á defensa!", enfatiza o doutor Safa. Porén, acrecenta que "nunca ouvín que o pobo palestiniano tivese ese dereito" e ironiza ao redor dunha "violencia" que "fai parte da xenética palestina: erguémonos pola mañá e, como non temos nada mellor que facer, tornámonos violentos".

Un territorio ocupado, un pobo bloqueado
Visibelmente emocionado, Mohamed Safa remarca que "a violencia é o resultado da humillación, do embargo, de máis violencia exercida por un Estado que controla a túa auga, a túa luz, o teu alimento, os teus movementos". Non hai electricidade, nin fariña para facer pan, nin auga corrente, nin leite, nin ningún produto de primeira necesidade. E os medicamentos non chegan. A cifra de ferid@s é o único que engorda. Son as consecuencias do bloqueo, que levan a Safa a sinalar que "a nosa resistencia non é un dereito, é unha obriga. Todos os pobos ocupados están obrigados a loitar. Non se pode aceptar a vida baixo o colonialismo".

Ao oftalmólogo Mohamed Safa ouvírono en Compostela pola volta de cen persoas que secundaron a convocatoria de BDS-Galiza 'Polo boicote, os desinvestimentos e as sancións a Israel', que recolleron sinaturas contra os produtos fabricados en Israel, nomeadamente contra os xoguetes que se venden nas tendas de Imaginarium.

Falar de 'tregua' namentres Israel mantén os tanques nos territorios ocupados semella "unha farsa" nunha batalla onde os disparon dos fusís se contestan tirando pedras. Gaza non ten un exército para se enfrontar a Israel. Cando os ataques rematan toca reconstruír o arrasado. Máis unha vez. "Nós non queremos un gran imperio, queremos unha nación libre". Porén, Safa sabe que fala dun vello conflito cuxo final está lonxe de se escribir. Así que, despídese d@s manifestantes até unha nova concentración. Porque "por desgraza, volverémonos ver".