Mangouras: “Sen o rumbo que impuxeron as autoridades non habería contaminación”

Mangouras e Argyropoulos
O capitán do Prestige asegura que a carga podería salvarse nun porto de abrigo e culpa da contaminación ás autoridades españolas. Comeza a declarar o xefe de máquinas e desmonta a tese dunha sabotaxe.

 

Despois de varios días de interrogatorio Apostolos Mangouras repetiu diante da propietaria do buque, a navieira Mare Shipping, e do seu avogado as mesmas palabras que dixera diante do Ministerio Fiscal e o avogado do Estado: axudou ás autoridades en todo e a culpa do acontecido foi da decisión de afastar o petroleiro “a ningunha parte”. 

Algo máis tranquilo que na última sesión, asegurou que en todo momento colaborou, mesmo aportando un rumbo “que as autoridades non aceptaron”. Segundo afirmou Mangouras a mellor posibilidade era ir a un porto refuxio “non perdería a carga e salvaríase”.

Preguntado polo seu avogado sobre a tripulación do Prestige, unha das estratexias do Fiscal, Mangouras asegurou que levaban 27 diante dos 14 que exixe a lei. Rexeitou as declaracións de Núñez Feijóo sobre que o Prestige era unha “chatarra frotante” e asegurou que se o seu barco non estivera en condicións non pasaría as inspeccións que pasou.

Mangouras: “Paguei moi cara a miña decisión de permanecer no barco, tratáronme como un criminal”

“Estaba nunha situación de estrés”. Esta foi a definición de Mangouras para explicar as últimas horas a bordo do petroleiro. “Paguei moi cara a miña decisión de permanecer no barco, tratáronme como un criminal”. Ao remate do interrogatorio desmontou a tese da sabotaxe e a non colaboración que introduciu a fiscalía e contestou cunha pregunta: “Como é posíbel arriscar as nosas vidas para unha sabotaxe?”

Argyropoulos deféndese

Despois do remate do interrogatorio de Mangouras comezou o do xefe de Máquinas do Prestige, Nikolaos Argyropoulos. A preguntas do Fiscal argumentou a súa inocencia en base á colaboración e “axuda” que prestou en todo momento ás autoridades españolas. Negou que as avarías que tiña o Prestige fosen importantes e tamén calquera negativa a obedecer ao inspector marítimo. O seu interrogatorio continuará mañá.